Solapas principales

O BNG reclama axilidade nas obras de mellora do acceso ao Novo Milladoiro e pide prazos concretos ao Goberno do Estado

Martes, 31 de marzo de 2026

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, rexistrou no Congreso unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno co obxectivo de coñecer o estado e a planificación do proxecto de mellora dos accesos ao polígono do Novo Milladoiro, no concello de Ames.

Do mesmo xeito, no pasado pleno municipal de marzo a concelleira do BNG, Natividad González, interpelou ao goberno local socialista sobre esta mesma cuestión, evidenciando a preocupación existente polo estado das infraestruturas e a mobilidade na zona.

O proxecto, aprobado provisionalmente polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, contempla a mellora da intersección da estrada N-550, no punto quilométrico 67,150, coa estrada SC-20, no quilómetro 10,350. A actuación desenvolverase na rotonda de entrada ao Milladoiro desde Santiago de Compostela, un dos puntos con maior intensidade de tráfico da contorna.

Entre as medidas previstas destaca a creación dunha variante de acceso que conectará directamente a saída da AG-56 coa avenida do Muíño Vello, evitando o paso pola actual glorieta de entrada. O obxectivo desta intervención é aliviar a carga de tráfico na rotonda e facilitar un acceso máis áxil cara á zona norte do Milladoiro e ao parque empresarial do Novo Milladoiro.

Neste contexto, Néstor Rego solicita ao Ministerio que concrete o calendario previsto para a aprobación definitiva, a licitación e a execución das obras, así como que confirme se a actuación contará coa dotación orzamentaria necesaria para cumprir cos prazos.

Escarlata Pampín, voceira do BNG insiste en que “esta actuación debe executarse coa maior brevidade posible, dada a súa relevancia para mellorar a mobilidade e dar resposta ao importante crecemento poboacional e empresarial do Novo Milladoiro”. Así mesmo, reclaman ao Goberno que recoñeza o carácter prioritario e urxente desta intervención, considerada clave para garantir unha mobilidade máis eficiente na área.

O BNG reclama axilidade nas obras de mellora do acceso ao Novo Milladoiro e pide prazos concretos ao Goberno do Estado