Solapas principales

O BNG exixe a mellora das instalacións e servizos dos centros educativos de Ames

Martes, 19 de mayo de 2026

Durante a súa intervención na Comisión de Educación, Chao puxo o foco en cinco centros: a Escola de Educación Infantil do Milladoiro, o CEIP de Ventín, o CEIP da Maía, a unitaria da Igrexa e o CEIP de Barouta. Entre as principais problemáticas, a deputada destacou “filtracións e humidades persistentes, cubertas en mal estado, falta de accesibilidade, riscos en caso de evacuación, e mesmo danos nas portas dos baños que afectan á privacidade do alumnado”. 

A deputada nacionalista criticou que a Consellería de Educación “non complete actuacións iniciadas, como a substitución da cuberta do Milladoiro, ou ignore demandas que se levan facendo dende 2019 no colexio da Maía”. Tamén rexeitou que o secretario xeral técnico da Consellería puxese en cuestión a lexitimidade do seu labor de fiscalización: “Vimos porque as comunidades educativas nos trasladan unha realidade. O noso traballo é controlar e preguntar que está a facer a Xunta”.

Finalmente, Saleta Chao instou a Vicepresidencia e Consellería de Educación a diagnosticar e executar “con urxencia” as reparacións estruturais necesarias, e pediu “coordinación real entre a Xunta e o concello de Ames” para evitar que as competencias se crucen e se dilaten as solucións. “Non é mantemento cambiar unha cuberta que filtra en todo o centro; é unha actuación estrutural. E desa é responsable a Administración educativa”, concluíu.

Escarlata Pampín puxo en valor que se fagan públicas as deficiencias existentes ao considerar que “é fundamental situar a educación e as condicións dos centros escolares no centro da axenda política”. A voceira do BNG de Ames  incidiu en que “a comunidade educativa merece instalacións dignas e seguras”, e reclamou ás administracións competentes unha resposta á altura das demandas históricas dos centros do municipio.

O BNG exixe a mellora das instalacións e servizos dos centros educativos de Ames