- Tematica
O bazar amesán Eva Hogar foi seleccionado pola empresa de papelería alemá STAEDTLER como punto de coordinación do “World Kids Colouring Day”, un proxecto solidario dirixido, a través das escolas, ás crianzas do municipio e que ten como temática o fútbol e os amigos. Do 1 de abril ao 15 de xuño, e baixo o lema “Football, Friends & Colouring Fan”, os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poden elaborar os seus debuxos e contribuír nesta campaña que ten como obxectivo fomentar a educación das nenas en Malaui, baixo a plataforma Education Makes Girls Strong. A esta iniciativa sumáronse os CEIP da Maía e Agro do Muíño. Ademais, pode participar de xeito individual o resto de alumnado de Ames.
O bazar de Bertamiráns Eva Hogar é o centro coordinador do proxecto “World Kids Colouring Day” en Ames, unha iniciativa enmarcada no plan Education Makes Girl Strong, que buscar achegar a educación ás nenas de Malaui e co que colabora a empresa de papelería alemá STAEDTLER. Baixo o lema “Football, Friends & Colouring Fan” os nenos e nenas das escolas de Ames poden participar elaborando os seus debuxos entre o 1 de abril e o 15 de xuño. Por cada debuxo entregado, doarase 1€ ao Plan International Alemaña. Os primeiros 25 nenos/as que entreguen o seu debuxo en Eva Hogar recibirán un obsequio.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “a importancia deste proxecto no que participa un establecemento comercial de Ames e que vai permitir mellorar a educación das nenas en Malaui. Animamos aos nenos e nenas de Ames, que teñan de 3 a 12 anos, a participar nesta iniciativa, xa que é unha oportunidade marabillosa para que os nenos de Ames formen parte dun movemento creativo internacional dunha forma moi doada e motivadora”.
Deste xeito, Eva Hogar encargouse de dotar sos CEIP da Maía e Agro do Muíño dos materiais que a empresa alemá doa para que as crianzas fagan as súas creacións arredor do fútbol e o que este achega aos nenos e nenas: amizade, cor, diversión... Cada imaxe participante apoia proxectos que permiten ás nenas ter un futuro próspero a través da educación.
A educación cambia vidas
Cando as nenas poden ir á escola e obter o graduado, adquiren coñecemento, confianza e novas perspectivas. Ademais, protéxeas do matrimonio temperán, o embarazo precoz e a pobreza. En definitiva, a educación dálles a oportunidade de moldear as súas propias vidas. Este proxecto é unha oportunidade para que todos os nenos e nenas de Ames formen parte dun movemento solidario e creativo a nivel internacional.
Eva Hogar
Eva Hogar é un bazar localizado na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns. Este comercio conta cunha gran variedade de artigos para o fogar, xardín, decoración, menaxe, xoguetes, mochilas, produtos de limpeza, papelería e librería. Mediante esta colaboración con STAEDTLER, fomentaran a creatividade e os valores solidarios entre os máis pequenos e pequenas.








