Solapas principales

O Banco de reciclaxe electrónica de Ames celebra este sábado o seu primeiro obradoiro para dar nova vida a altofalantes

Viernes, 08 de julio de 2022

A recentemente creada Oficina de Voluntariado informático de software libre de Ames, xunto co seu Banco de reciclaxe electrónica, pon en marcha o seu primeiro obradoiro dende o comezo da súa actividade. O servizo, nado da colaboración entre a Concellería de Benestar Social e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), iniciará as súas propostas formativas cun taller de reparación e reciclaxe de altofalantes, que terá lugar este sábado 9 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas. As instalacións da oficina están situadas no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

Minorar o lixo electrónico, aumentar a vida útil destes aparellos e reducir o seu consumo foron algúns dos obxectivos anunciados na presentación da Oficina de Voluntariado informático de software libre de Ames e do seu Banco de reciclaxe electrónica, celebrada a finais do pasado mes de maio. Agora, e coa oficina xa en funcionamento, anúnciase neste senso a primeira actividade formativa do servizo, que continuará programando novos obradoiros ao longo deste segundo semestre de 2022.

Deste xeito, este sábado 9 de xullo celebrase un taller de reparación e reciclaxe de altofalantes, que buscará que aprendamos a darlle unha nova vida a estes obxectos habitualmente presentes nos fogares, xa sexa por exemplo como parte dun equipo de música ou en pequeno formato, adaptado para usarse con móbiles ou tabletas. A proposta desenvolverase de 10:30 a 13:00 horas, nas instalacións da oficina e do banco, situadas  no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

Esta primeira iniciativa deste novo servizo, posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social coa colaboración da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), busca pular polos obxectivos marcados na súa creación, entre os que se atopan reducir a fenda dixital, aumentar a alfabetización dixital, dar a coñecer e facilitar o acceso ao software libre, ou reducir o lixo electrónico, fomentando a reciclaxe a aumentando a vida útil dos nosos dispositivos.

Neste senso, actuarase dende o Banco de reciclaxe, onde se recollen equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos, e dende a Oficina de software libre, que divulgará sobre novas tecnoloxías, resolvendo dúbidas e dando cursos de formación e actividades de alfabetización dixital.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Banco de reciclaxe electrónica celebra o seu primeiro obradoiro"

O Banco de reciclaxe electrónica de Ames celebra este sábado o seu primeiro obradoiro para dar nova vida a altofalantes