Solapas principales

O “AmesON de verán” continúa nas festas da Madalena do Milladoiro con MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma

Sábado, 06 de agosto de 2022

A programación do “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica prosegue en agosto e súmase ao cartel de “Ames en Festas”, no que se inclúen once días de celebración no Milladoiro e en Bertamiráns, encadeando as festas da Madalena e da Peregrina do 4 ao 14 de agosto. Neste senso, MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma actuarán na praza Manuel Murguía do Milladoiro o domingo 7 e o luns 8, como parte duns días de música, concertos e actividades para todos os públicos. Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto informativo de “Ames en Festas” 2022.

O “AmesON de verán” non para en agosto e engade parte das súas actuacións deste mes ao cartel de “Ames en Festas”, que inclúe todas as propostas das festas da Madalena, do Milladoiro, e da Peregrina, de Bertamiráns, do 4 ao 14 de agosto. Deste xeito, e despois de contar en xullo cos de Eva e Camilo, Ruth Cundíns e Habana Café Son, o AmesON vai desenvolver ao longo destes once días de festas cinco novos concertos.

Neste senso, MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma son as propostas que aporta para as festas da Madalena do Milladoiro esta programación, pensada para dinamizar o comercio local e a hostalaría. Ambos os dous concertos terán lugar na praza Manuel Murguía do Milladoiro, sendo a primeira MJ Pérez, este domingo 7 ás 21:00 horas. Pola súa banda, o espectáculo para crianzas de Cé Orquestra Pantasma desenvolverase o día seguinte, o luns 8, ás 19:30 horas.

Antes destes dous concertos do AmesON, a primeira fin de semana do “Ames en Festas” arrinca hoxe sábado, cun pasarrúas a cargo de Argalleiros, e con vermú nos establecementos Cisne Café, ás 12:45 horas; La Trastienda del 7, ás 13:00, e na cafetería da Casa da Cultura, ás 14:15 horas. Pola tarde, ás 19:30 horas, a praza Manuel Murguía acollerá a semifinal do concurso Canta con Ames, organizado pola Concellaría de Promoción Económica. E para pechar a xornada con verbena, a comisión de festas do Milladoiro ofrece as actuacións da orquestra Xacobeo e da disco móbil Fabrik, na travesía do Porto a partir das 22:00 horas.

Xa no domingo, e ademais do concerto de MJ Pérez na praza Manuel Murguía ás 21:00 horas, haberá pasarrúas a cargo de RqR, e vermú nos locais de hostalaría La Trastienda del 7, ás 12:45 horas; Café Bar Jisma, ás 13:00 horas, e na Parrillada As Brasas, ás 14:15. Tamén haberá sesión vermú ás 14:00 horas, na travesía do Porto, coa orquestra La Hora Bruja, que repetirá pola noite na travesía do Porto, ás 22:00 horas, cunha verbena co grupo Claxxon programada pola comisión de festas do Milladoiro.

Pola súa parte, e xunto a actuación de Cé Orquestra Pantasma na praza Manuel Murguía ás 19:30 horas, o luns 8 abrirase cun pasarrúas coa charanga Tíralle do Aire, e con vermú na cafetería da Casa da Cultura, ás 12:45; no Café Bar Dublín, ás 13:00 horas, e no Café Bar Jisma, ás 14:15 horas.O día rematará cunha nova proposta de verbena da comisión de festas do Milladoiro, coa orquestra Los Coleguitas e o grupo Puzzle, a partir das 21:30 horas na travesía do Porto.

Como remate final dos seis días de actividades no Milladoiro, o martes 9 de agosto actuará a orquestra Furia Joven na travesía do Porto, ás 22:00 horas, unha proposta organizada polo Concello de Ames.

O “AmesON de verán” continúa nas festas da Madalena do Milladoiro con MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma

Multimedia

  • O “AmesON de verán” continúa nas festas da Madalena do Milladoiro con MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma
  • O “AmesON de verán” continúa nas festas da Madalena do Milladoiro con MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma