Solapas principales

O Ames Cultural abre o mes de marzo con Berenguela na gaiola

Domingo, 01 de marzo de 2026

A programación de artes escénicas do Concello de Ames para o mes de marzo comeza o vindeiro venres día 6 coa representación de Berenguela na gaiola, unha proposta para público familiar que tamén se enmarca na programación Apego, do departamento de Normalización Lingüística. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 18.00 horas, esta divertida e emotiva obra da compañía Galeteatro Producións Escénicas. Esta representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira Electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.

O Ames Cultural abre o mes de marzo con Berenguela na gaiola, unha divertida proposta para público familiar producida pola compañía Galeteatro Producións Escénicas, coproducida por Xarope Tulú co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT) con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira. Será o vindeiro venres 6 de marzo, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, e terá unha duración aproximada de 50 minutos. A peza foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatraisen 2025. 

Esta obra tamén está enmarcada dentro da programación Apego, desenvolvida polo departamento de Normalización Lingüística e que ten como obxectivo fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. Berenguela na gaiola é a primeira das actividades programadas para este mes de marzo, no que tamén se representará Garavanciña e O libro da selva: o musical. 

Sinopse da obra
Nunha residencia da terceira idade traen de volta á Berenguela, unha anciá que aproveita para fuxir en canto pode. Quere volver á súa casa na aldea, onde sempre viviu, onde é feliz. Berenguela protesta, rosma, funga, ata que a súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. 

Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris. Representando Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María, as tres anciás atoparán a liberdade que crían perdida e a posibilidade de cambiar o mundo. 

Entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 4 euros (a xeral) ou 2 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego. 

Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo. 

Máis teatro en marzo
Berenguela na gaiola será a primeira obra dun mes de marzo cargado de teatro: o mesmo venres 6 de marzo, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle Sen Lingua, de Serea Teatro; unha semana despois, Os Náufragos representará Riazor Ostia na Casa da Cultura de Bertamiráns; e o venres 27 de marzo, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle O libro da selva: o musical.

Novas relacionadas

Diario de Santiago: "O Ames Cultural abre o mes de marzo con Berenguela na gaiola"

O Ames Cultural abre o mes de marzo con Berenguela na gaiola