Solapas principales

O alumnado de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño visitou o salón de Plenos da Casa do Concello

Miércoles, 22 de marzo de 2023

Esta mañá o alumnado do CEIP Agro do Muíño visitou a Casa do Concello coas súas mestras. Os rapaces e rapazas dos dous cursos de terceiro de primaria deste centro aprenderon, da man do alcalde e dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, o funcionamento dos plenos, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Tamén falaron da experiencia de inmersión lingüística na que participaron a través do proxecto Modo galego, actívao!, promovido pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Ao rematar a visita á Casa do Concello desprazáronse ata o Pazo da Peregrina para visitar a exposición "O herbario de Rosalía", unha mostra de 50 láminas con imaxes de especies botánicas asociadas ás obras da escritora.

O alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil; a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González; a concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, recibiron esta mañá ao grupo de alumnos/as no salón de Plenos.

Un dos temas abordados en dita visita foi a participación do alumnado durante as últimas semanas no proxecto Modo galego, actívao! Tratouse dunha experiencia de inmersión lingüística que se desenvolveu durante tres semanas (dende o 27 de febreiro e ata a semana pasada) nos centros de ensino do concello de Ames. A iniciativa inspirouse en 21 días co galego, pero foi máis alá ao se adiantar ás primeiras etapas educativas e implicar, por primeira vez, aos colexios dun mesmo concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local. O alcalde e concelleiros/as do grupo de goberno explicáronlle aos rapaces e rapazas a importancia de falar en galego así como de ver películas e ler contos no noso idioma.

Por outra banda, o rexedor municipal ensinoulles o bastón de mando do alcalde e tamén lles explicou o funcionamento da Administración local. Os rapaces e rapazas dos dous cursos de terceiro de primaria deste centro aprenderon, da man do alcalde e dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, o funcionamento dos plenos e mailo traballo que realizan os edís municipais. Por último, entregóuselles un pequeno caderno de notas que conta con imaxes de lugares emblemáticos de Ames como Ponte Maceira, Tapia, etc.

Exposición "O herbario de Rosalía"
Ao rematar a visita á Casa do Concello desprazáronse ata o Pazo da Peregrina para visitar a exposición "O herbario de Rosalía", unha mostra de 50 láminas con imaxes de especies botánicas asociadas ás obras da escritora, e que xurdiu trala investigación das profesoras María López Sández e María Isabel Fraga Vila e a publicación do libro homónimo a dita exposición. A mostra está aberta ao centros escolares e ao público en xeral. Aínda se pode visitar os días 23, 24, 25, 26, 30 e 31 de marzo e 1 e 2 de abril. Os xoves e venres o horario é de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A exposición estrutúrase en diversas seccións: rosas, herbiñas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. En total, móstranse 50 láminas que van acompañados de paneis explicativos que relacionan cada apartado coa obra de Rosalía de Castro e poñen en valor o nexo que existe entre a súa literatura e a natureza.

Por outra banda, a mostra recolle tamén obxectos cedidos pola Casa-Museo Rosalía de Castro, como edicións dos libros da poeta. Así mesmo, no Pazo da Peregrina reprodúcese unha proxección audiovisual na que se inclúen os 150 pregos que compoñen o herbario na súa totalidade. Na entrada do espazo, os e as visitantes poden ver tamén o mural “O xardín de Rosalía”, realizado durante as últimas semanas polos usuarios e usuarias das bibliotecas municipais de Ames.

Imaxe da visita do alumnado do CEIP Agro do Muíño

Multimedia

  • Imaxe da visita do alumnado do CEIP Agro do Muíño
  • Imaxe da visita do alumnado do CEIP Agro do Muíño
  • Imaxe da visita do alumnado do CEIP Agro do Muíño