Solapas principales

O alumnado da Escola Municipal de Teatro celebra a fin de curso con funcións no Milladoiro e en Bertamiráns

Martes, 13 de junio de 2023

A Escola Municipal de Teatro de Ames prepara as súas mostras de fin de curso, nas que o alumnado representará ante o público varias obras adaptadas. As funcións darán comezo este mércores, 14 de xuño, e alongaranse ata o vindeiro mércores, día 21. Participarán os grupos con idades de entre 3 e 6 anos, entre 7 e 11 e os maiores de 12 anos. A dirección da escola corre a cargo da compañía Talía Teatro, con Marta Ríos e Diego Rey como encargados de impartir a formación.

O grupo xuvenil, que comprende aos rapaces e rapazas maiores de 12 anos, será o encargado de abrir a rolda de actuacións. Farao mañá, mércores 14 de xuño, coa obra “A morte é unha estupidez”. Será ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Xa o martes día 20, o alumnado da Escola Municipal de Teatro trasládase á Casa da Cultura de Bertamiráns para representar diversas funcións. Ás 17:30 horas será a quenda do grupo infantil que comprende aos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, que arrincarán con “Xoguemos ao teatro”. O segundo grupo infantil, no que participa a rapazada de entre 7 e 11 anos, interpretará a obra “Berta News”, ás 20:00 horas. E, para rematar, o grupo xuvenil de maiores de 12 anos pechará a xornada con “Mentiras de pandilla”, xa ás 20:30 horas.

Finalmente, o mércores 21, a Escola Municipal de Teatro volve a trasladarse á Casa da Cultura do Milladoiro co grupo infantil de 3 e 6 anos, que novamente representará “Xoguemos ao teatro”, ás 17:30 horas; e co grupo infantil de 7 a 11 anos, cuxa obra se titula “A raíña das festas”, que actuará ás 20:00 horas.

Cómpre recordar que o Grupo Municipal de Teatro, conformado por adultos, estreou o pasado 8 de xuño a súa función “Non podo máis”, no Milladoiro, batendo récords de asistencia. Este domingo, 18 de xuño, ofrecerán un novo pase na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden retirar o convite, que é de balde, na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre a obra e o elenco.

75 alumnos e alumnas
Ao longo deste ano a Escola Municipal de Teatro acolleu un total de 75 persoas, divididas en diversos grupos de idade, que acudiron ás clases nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Os cursos deron comezo en setembro, e rematarán a finais de xuño.

O alumnado dos grupos de teatro infantil e de xogo dramático puideron gozar durante estes meses de distintos xogos teatrais, de expresión, imitación e improvisación, creando as súas propias obras. A dirección da escola corre a cargo da compañía Talía Teatro, con Marta Ríos e Diego Rey como encargados de impartir a formación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Representaciones de la Escola de Teatro en Milladoiro y la capital maiana desde el día 14 al 21"

Cartaz das representacións da Escola municipal de teatro de Ames