Solapas principales

O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames

Martes, 31 de enero de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Cultura, Natividade González, acompañados da directora da EMMA, Pilar Martínez, visitaron as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames que están situadas no Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Alí conversaron co alumnado e co profesorado da Escola e interesáronse polo seu funcionamento durante o curso actual. Na actualidade a EMMA conta con 9 profesores/as e hai matriculados 180 alumnos/as. As actividades da Escola están dirixidas a persoas empadroadas en Ames de 4 anos en diante. Nos últimos anos realizáronse varias melloras nas aulas da Escola e adquiriuse novo material. Ademais, no pasado mes de decembro o Concello adquiriu o edificio do Centro de usos múltiples de Aldea Nova o que permitirá dispoñer de dito espazo con maior liberdade co obxectivo de ampliar e mellorar a Escola de musica.

A Escola Municipal de Música de Ames ten como finalidade fomentar desde a infancia o coñecemento e apreciación da música, iniciando aos nenos e nenas desde os 4 anos de idade, na súa aprendizaxe, procurando que a Escola funcione como un centro educativo-cultural no que se realicen actividades relacionadas co mundo musical e outras disciplinas non comprendidas directamente na docencia: concertos, audicións, conferencias, presentacións de discos, etc.

Ademais, preténdese desenvolver unha ensinanza instrumental orientada tanto á práctica individual como á práctica de conxunto; proporcionar unha ensinanza musical complementaria á práctica instrumental; fomentar nos alumnos/as o interese pola participación en agrupacións vocais e instrumentais; e organizar actuacións públicas e participar en actividades musicais de carácter afeccionado.

A semana pasada o alcalde e maila concelleira de Cultura achegáronse ata as instalacións da Escola, xunto coa directora da EMMA, para interesarse polo funcionamento de dito servizo municipal. Alí conversaron con alumnado e profesorado da EMMA.

Mellora das instalacións da EMMA
Cómpre destacar que nos últimos anos realizáronse diferentes melloras nas aulas da Escola de música, que están situadas no Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Deste xeito, adquiriuse novo material e fixéronse melloras de illamento acústico. Tamén se habilitouse unha aula con tarima e paneis acústicos para agrupacións. Nesta aula é onde se celebran as audicións da EMMA.
 
Por outra banda, o pasado 30 de decembro de 2022 o alcalde asinou o contrato de compra do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, onde están situados entre outros espazos a Escola Municipal de Música ou a sede da Agrupación de Protección Civil de Ames. Cómpre lembrar que o Concello de Ames leva empregando os locais deste edifico dende hai anos. En decembro de 2015 asinouse un contrato de alugueiro para poder seguir usando os 12 locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Dito contrato incluía unha opción de compra que se vén de facer efectiva por parte do Concello.
   
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “a semana pasada, xunto coa concelleira Natividade González, visitei a Escola Municipal de Música de Ames para coñecer máis en profundidade o traballo e que se realiza. Recentemente compramos o edificio onde se situú este centro porque queremos mellorar as instalacións e darlle continuidade a toda a actividade musical que se desenvolve na Escola. Grazas ao profesorado da EMMA e en especial a Pilar Martínez, a directora, polo traballo que realizan nesta Escola municipal”.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca “a aposta que está facendo este Goberno municipal pola Escola Municipal de Música de Ames, mellorando as súas instalacións e adquirindo novo material para un mellor funcionamento do servizo”. Natividade González tamén incide na oferta educativa que se ofrece a través deste servizo municipal. “Na EMMA ademais das especialidades que se ofrecen, temos varias agrupacións nas que participan gran parte do alumando de distintas especialidades: agrupacións de violíns, orquestra de guitarra, combos de voces, agrupación folk, agrupacións de frauta, combo xuvenil, combo de adultos, combo da EMMA, etc”.

180 alumnos/as matriculados
Na actualidade a EMMA conta con 9 profesores/as e hai matriculados 180 alumnos/as. As actividades da Escola están dirixidas a persoas empadroadas en Ames de 4 anos en diante. As disciplinas que se ofrecen na EMMA son de música e movemento; práctica instrumental/vocal; e formación musical complementaria á práctica instrumental.

Na disciplina de música e movemento hai 23 alumnos matriculados (divididos en tres grupos dependendo do ano de nacemento); en frauta hai 8 alumnos/as; en guitarra hai 33 alumnos/as; en percusión e batería hai 19 alumnos/as; en saxofón hai 9 alumnos/as; en violín hai 26 alumnos/as; en piano hai 41 alumnos/as; en canto hai 17 alumnos/as; e só en linguaxe musical hai matriculados 4 alumnos/as. A maior parte do alumnado matriculado en instrumento tamén acude a clases de linguaxe musical.

Programación da EMMA
Por último, hai que destacar que a semana pasada presentouse a programación de actividades que levará a cabo o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) entre os meses de febreiro e xuño. Entre as actividades programadas inclúense audicións, concertos, obradoiros, conmemoracións, unha xuntanza con outras escolas de música e o festival de fin de curso. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación da EMMA.

A primeira das actividades organizadas pola EMMA é unha quenda de audicións, que terán lugar os días 8, 9, 13 e 14 de febreiro no local da Escola. Os rapaces e rapazas que estudan na EMMA terán a ocasión de mostrar os coñecementos adquiridos durante o primeiro trimestre do curso escolar de cara ás familias e a calquera veciño ou veciña que queira achegarse a escoitalos. Ofreceranse recitais de canto, guitarra, frauta, saxo, percusión e piano.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Visita do Goberno local ás instalacións da Escola Municipal de Música de Ames"

O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames

Multimedia

  • O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames
  • O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames
  • O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames
  • O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames
  • O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames
  • O alcalde e a concelleira de Cultura visitan as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames
  • Embedded thumbnail for