Solapas principales

O alcalde de Ames reúnese coa conselleira de Medio Ambiente e Territorio para buscar vías de colaboración en temas urbanísticos e de sostibilidade

Jueves, 22 de julio de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens e o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, reuníronse onte pola tarde coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo. Nesta xuntanza analizaron, entre outros temas, o futuro urbanístico do concello amesá. O novo modelo de PXOM pasa pola elaboración dun novo Plan Xeral ou por realizar modificacións puntuais no documento que está en vigor desde o ano 2002.

Á xuntanza acudiron o alcalde de Ames, o concelleiro de Medio Ambiente e o concelleiro de Urbanismo que se achegaron onte a San Lázaro para trasladarlle á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a necesidade de traballar sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que o actual PXOM foi aprobado no ano 2002. O goberno municipal estuda dúas opcións, ou ben facer un novo Plan ou realizar modificacións puntuais sobre o actual. A conselleira de Medio Ambiente e Territorio comprometeuse a colaborar económica e tecnicamente nos traballos que se realicen sobre o PXOM. O  alcalde de Ames anunciou que nos vindeiros meses se estudará cos técnicos municipais cal é a mellor opción. Blas García indicou que "é imprescindible que o noso municipio conte cun Plan adaptado á situación urbanística actual, e poder así ofrecer á veciñanza respostas axeitadas, para que o noso concello poida seguir medrando dun xeito ordenado e equilibrado”.

Os representantes de ambas administracións abordaron, tamén, a necesidade de elaborar un plan director para intervir na zona de Rede Natura que ten Ames na contorna do río Sar desde a Condomiña ata Sisalde, e poder intervir, tamén, na eliminación e control de diversas especies invasoras, tanto na fauna como na flora. “Debido ás tarefas agrícolas que se realizan na contorna da Condomiña e As Cortes, na parroquia de Ortoño, estase a incidir de xeito negativo na canle do río Sar polo que é necesaria unha delimitación correcta e un control destas actuacións”, informa o alcalde amesán. Por parte dos representantes municipais se acordou coa conselleira a remisión dunha memoria sobre as actuacións a desenvolver.

Lei de protección animal
Outro dos asuntos abordados é a problemática existente coa nova lexislación de protección animal, a cal está a causarlle un enorme trastorno aos concellos á hora de facerse cargo dos animais domésticos abandonados ou perdidos. O goberno amesán propuxo o estudo de creación de canceiras comarcais ou supramunicipais. Neste senso, a conselleira informou das axudas para o control das colonias felinas ás cales xa se vai a acoller este ano o departamento de Medio Ambiente.

Punto limpo compartido con Brión
Os representantes do goberno municipal aproveitaron a xuntanza para darlle traslado da solicitude de crear un punto limpo fixo compartido entre os concellos de Ames e Brión e para o que solicitaron una axuda económica da consellería de Medio Ambiente. Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, informou que neste ano se van a convocar axudas para concellos con menos de 3000 habitantes ou concellos que carecen deste servizo, polo que será en vindeiras convocatorias cando se comproben as opcións que poden ser viables para este proxecto.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aborda con la Xunta la viabilidad de un nuevo PXOM"

Revista AmesGO: "A Xunta comprométese a colaborar con Ames nos traballos para definir un novo PXOM"

O alcalde de Ames reúnese coa conselleira de Medio Ambiente e Territorio

Multimedia

  • O alcalde de Ames reúnese coa conselleira de Medio Ambiente e Territorio
  • O goberno de Ames reúnese coa conselleira de Medio Ambiente e Territorio