Solapas principales

O 7 de maio remata o prazo para participar na enquisa sobre hábitos de mobilidade que axudará na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ames

Lunes, 03 de mayo de 2021

O Concello de Ames está traballando na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Unha das partes fundamentais para a elaboración do PMUS é a participación cidadá. Para iso publicouse na web http://www.pmusames.gal/ unha enquisa sobre os hábitos de mobilidade da veciñanza de Ames. Dita enquisa está aberta ata o venres 7 de maio. A través da web do PMUS infórmase das accións relacionadas coa elaboración e participación do Plan de Mobilidade. Tamén haberá sesións de participación, a través dos diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, e pódese enviar comentarios e suxestións ao enderezo de correo electrónico: pmusames@gmail.com. Esta actuación forma parte do programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, recollido na EDUSI Impulsa Ames.

O Concello de Ames está inmerso na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O servizo de redacción do PMUS está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actuación número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.

A redacción de dito Plan está sendo realizada pola empresa IPLAN Movilidad SL. O PMUS é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles dentro do municipio, é dicir, de modos de transporte que fagan compatibles o crecemento económico, a cohesión social e maila defensa do medio ambiente. Para redactar dito plan é fundamental coñecer os hábitos de mobilidade da veciñanza amesá. Para iso publicouse unha enquisa na web http://www.pmusames.gal/ que estará activa ata o venres 7 de maio.

Na enquisa hai que marcar a zona do concello de Ames onde se reside, o número de vehículos que ten cada unidade familiar e a súa tipoloxía, preguntas relacionadas coas viaxes que se realizan os días laborais (motivo e frecuencia das viaxes, modo de transporte principal, horarios, tempo total da viaxe, etc). Tamén se pregunta pola valoración da mobilidade a pé e en bicicleta no municipio e pola valoración do servizo de autobuses interurbanos que actualmente ofrecen servizo en Ames. Premendo nesta ligazón podes acceder a dita enquisa.

A realización desta enquisa únese aos traballos de campo, para a realización dunhas 300 enquisas a pé de rúa a usuarios/as do transporte público. Tamén se contabiliza o número de vehículos naquelas zonas do concello con maior volume de tráfico. Isto faise mediante a instalación de distintos tipos de aforos (con cámara e tubos pneumáticos).

Web PMUS AMES
A través da web do PMUS infórmase das accións relacionadas coa elaboración e participación do Plan de Mobilidade. En dita web explícase que é un PMUS, as súas características, os seus beneficios, e as fases que se van a desenvolver para a elaboración de dito plan. Tamén haberá sesións de participación, a través dos diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, e pódese enviar comentarios e suxestións ao enderezo de correo electrónico: pmusames@gmail.com.

Mellora da calidade de vida da veciñanza
Dende a Concellaría de Mobilidade preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza amesá, establecendo un cambio na forma tradicional de entender o espazo público no que o vehículo privado era o protagonista e toda a planificación urbana xiraba en torno a el. Na actualidade, esta concepción esta a cambiar, ligada a dous conceptos fundamentais como son a mobilidade, cada vez movémonos máis e máis lonxe, e a sostibilidade, polo gran impacto que teñen as actividades humanas no medio ambiente. A partir destes conceptos xurde a necesidade dunha nova planificación urbana colocando como elemento central ás persoas.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, anima á veciñanza a participar e dita enquisa xa que só quedan cinco días para poder facelo. “Para poder acadar o obxectivo que nos marcamos precisamos da vosa participación, un PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) provoca un cambio, no espazo público, no funcionamento das cidades, na vida das persoas... dende a busca de modos de transporte máis eficientes e menos contaminantes ata a creación de espazos urbanos seguros, eficientes e atractivos. En definitiva, precisamos integrar a todos os axentes involucrados, comerciantes, estudantes, transportistas, crianzas... e entre todos estes actores o máis importante sodes vos: a cidadanía. Por iso solicitamos a vosa participación, a través das enquisas que se están realizando, para que entre todos e todas fixemos as bases do espazo urbano no que queremos vivir de aquí en diante”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Últimos días para participar en la encuesta de movilidad de Ames"

Cartel da enquisa de mobilidade

Multimedia

  • Cartel da enquisa de mobilidade