Solapas principales

O 1 de outubro celébrase a II Feira de voluntariado "Sementando Voluntariado" e mailo Encontro intercultural de Ames

Jueves, 22 de septiembre de 2022

Volve a Feira do voluntariado de Ames e este ano con máis forza se cabe xa que inclúe dentro da súa programación a celebración do Encontro intercultural de Ames. A Feira desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 19.00 horas. Comezará co acto de inauguración a cargo da directora xeral de voluntariado e representantes municipais. Ao longo do día haberá un amplo abano de actividades: mesa redonda, charla-coloquio, xogos, mostra fotográfica, actuación musical, etc. Participarán 15 asociacións de voluntariado da comarca. O Encontro intercultural celebrarase de 14.00 a 16.00 horas, coincidindo co horario do xantar. Poderanse degustar pratos típicos de diferentes nacionalidades. Haberá servizo de autobús de balde desde o Milladoiro. Para poder utilizalo é necesario reservar praza no teléfono 662 377 004.

O vindeiro sábado, 1 de outubro, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acollerá a segunda edición da Feira de voluntariado de Ames, que este ano tamén inclúe dentro da súa programación o Encontro intercultural. Este ano o lema de dita Feira é “Sementando voluntariado”. O obxectivo é que este evento sexa un punto de encontro e para compartir experiencias entre as diferentes entidades que participan e tamén con aquelas persoas que se acheguen ao Pazo da Peregrina. Participarán 15 asociacións de voluntariado que traballan en diferentes ámbitos colmo son o sanitario, cooperación internacional, inmigración, etc.

A Feira do voluntariado comezará ás 10.00 horas co acto de inauguración que contará coa presenza da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e representantes municipais. Ás 12.00 horas realizarase unha mesa redonda baixo o lema "A miña experiencia como voluntario/a". Trátase dunha mesa de intercambio de experiencias sobre voluntariado no que participarán diversas entidades. Ata o 28 de setembro o persoal das asociacións que queira participar nesta actividade aínda está a  tempo de inscribirse. Teñen que achegar nome, apelidos e o papel que ten desenvolvido coma voluntario/a. Para elo teñen que poñerse en contacto coa Oficina do Voluntariado de Ames a través do número de teléfono 662 377 044 ou enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijoo, explicou que “nesta segunda Feira do voluntariado o obxectivo principal é darlle un impulso ao voluntariado e que todas as persoas con inquedanzas poidan coñecer diferentes asociacións e distintos ámbitos  de traballo. A idea que temos é tratar de facer unha captación de voluntarios e voluntarias a través deste evento. Contamos con 15 asociacións, a maioría son asociacións que xa participaron na primeira edición desta Feira, pero tamén hai algunhas novas que se apuntaron este ano. Teremos obradoiros e actividades a cargo de diferentes asociacións que participan. Ademais, este ano integramos dentro da programación da Feira o Encontro intercultural de Ames, porque forman parte da familia do voluntariado amesán, e co obxectivo de darlle visibilidade á comunidade migrante de Ames”.

Encontro intercultural
Entre as 14.00 e as 16.00 horas realizarase o Encontro intercultural que tamén se celebrará no Pazo da Peregrina. Veciños e veciñas de Ames que son nativas de países como Brasil, México, Guatemala, Venezuela, Guinea Ecuatorial, Ghana, Marrocos, Alxeria, Ucraína,  Timor Oriental, Colombia e algún outro, cociñarán pratos típicos de ditos países que poderán ser degustados por todos e todas. Trátase de coñecer a cultura gastronómica destas persoas que de xeito desinteresado prepararán diferentes produtos típicos dos seus países de procedencia.

O mediador intercultural, Leonardo Pena, explicou que “a intención é integrar o Encontro intercultural na vida social e cultural do concello, por iso este ano pareceunos moi axeitado incluír dentro da Feira do voluntariado este Encontro intercultural, entre outros motivos porque as persoas que participan en dito encontro cociñarán e preparar os pratos típicos dos seus países de orixe de xeito desinteresado. Ademais, vaille dar máis contido e ambiente á Feira do voluntariado. Como noutras edicións trátase de relacionarnos con persoas doutras culturas e países, que son veciños e veciñas de Ames. Trátase de romper barreiras e tratar de integrar a todas esas persoas que chegaron doutros países pero xa levan tempo vivindo no noso concello”.

Programación de tarde da Feira
Pola tarde a programación comezará ás 16:00 horas co xogo "Non pases palabra" que impartirá o persoal da asociación Solidariedade Internacional de Galicia. De seguido, ás 17:00 horas poderase ver a exposición fotográfica "Olladas desde a inmigración" e tamén se impartirá unha charla coloquio a cargo do persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolverase unha actividade de xogos tradicionais denominada "Facendo tribu", que tamén impartirá o persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ás 19:00 horas farase a clausura e despedida da Feira e haberá unha actuación musical como peche do evento.

O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, dixo que “a idea é que as quince entidades que van participar, que traballan en diferentes ámbitos colmo son o sanitario, cooperación internacional, inmigración... teñan un espazo de encontro no que poidan transmitir e compartir os seus valores e darlle visibilidade ao traballo que realizan ao longo do ano. Teremos obradoiros, actividades, xogos tradicionais e unha exposición fotográfica que vai organizar a Asociación de Migrantes de Galicia. A xornada rematará cunha actuación musical. Trataremos que este evento serva para darlle un pulo ao voluntariado amesán e volva a ser unha referencia en toda Galicia como foi ata o de agora”. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Quince asociaciones y comida de medio planeta para la II Feira do Voluntariado"

Imaxe da presentación

Multimedia

  • O 1 de outubro celébrase a II Feira de voluntariado "Sementando Voluntariado" e mailo Encontro intercultural de Ames
  • O 1 de outubro celébrase a II Feira de voluntariado "Sementando Voluntariado" e mailo Encontro intercultural de Ames
  • O 1 de outubro celébrase a II Feira de voluntariado "Sementando Voluntariado" e mailo Encontro intercultural de Ames