Solapas principales

A nova plataforma electrónica de Ames facilitará a relación do Concello coa cidadanía

Sábado, 01 de agosto de 2020

Desde o 15 de xuño, Gestdoc, a nova plataforma electrónica do Concello de Ames, xa está dispoñible para a veciñanza na dirección https://sede.concellodeames.gal A través dela, a cidadanía poderá realizar numerosos trámites vía telemática sen necesidade de desprazarse ao concello. O novo sistema terá acceso desde o pc e vía web, o que tamén facilitará a xestión e o acceso aos documentos aos 150 traballadores do Concello que traballarán con este novo aplicativo. Asemade, a sinatura electrónica mellora coa implantación do certificado dixital na nube, que permite asinar vía móbil, contando todo o persoal cun certificado propio. O Concello anima á veciñanza a obter o certificado dixital para facilitar a interacción coa administración municipal.

A implantación da nova plataforma electrónica Gestdoc responde a unha actuación do Plan Impulsa Ames financiado con Fondos Europeos DUSI. O Impulsa Ames contemplaba como unha das actuacións de maior importe dentro do obxectivo temático 2, a implantación dunha nova plataforma de Administración electrónica. Desde o pasado 15 de xullo, o Gestdoc pasa a substituír á plataforma da Deputación coa que o Concello estaba a traballar durante estes anos.

A nova Plataforma xa está funcionando nos departamentos do Concello, así como na sede electrónica. O persoal da empresa realizou diferentes formacións previas para o persoal, tanto de forma online como presencial, de cara a súa posta en funcionamento neste mesmo mes. Ao longo dos primeiros meses prevese unha formación continua, posto a posto, para corrixir erros e habituarse ao novo sistema.

Concepto de mellora continúa
O proxecto de contrato de servizos para o deseño e implantación da nova Administración Electrónica adxudicouse á empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL, por 168.696,56 euros. O orzamento base da licitación era de 181.394,15 euros. A empresa adxudicataria rebaixou este importe en 12.697,59 euros. O Colexio profesional de enxeñería informática emitiu un informe de valoración dos pregos técnicos presentados no concurso de licitación, obtendo ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL. unha cualificación de excelente. A valoración avalouna coa súa firma o técnico de dito Colexio, Fernando Suárez Lorenzo. Suárez valorou moi positivamente "la detallada definición de tareas y compromisos de la compañía, con gran experiencia en proyectos semejantes".

No informe técnico destaca a detallada definición de tarefas e compromisos que quedan claramente especificados nos traballos a desenvolver. Este aspecto baséase na realidade de que o proceso de mellora e optimización, do modo no que traballan as organizacións, non finaliza, e aplica o concepto de “mellora continúa” de xeito que seguirá proporcionando ideas de mellora e novas versións e funcionalidades, durante todo o proceso e tras a finalización do mesmo. Isto permitirá que a organización non quede estancada e que continúe avanzando e mellorando no camiño da excelencia e a eficiencia na xestión, obxectivo a prol do que traballa o goberno municipal. O informe tamén destaca a ampla experiencia do equipo proposto, que conta con contrastados expertos en administración electrónica e transformación dixital, e a súa implicación en proxectos semellantes, aspecto este que aporta o necesario para asegurar que o proxecto do Concello de Ames se execute cos máximos garantes de éxito.

Coa nova sede electrónica a cidadanía poderá acceder aos seus expedientes a través da carpeta cidadán. Cada veciño coñecerá o estado do expediente e a súa resolución. Paulatinamente ampliara se o número de trámites que se poderán realizar de forma telemática e co obxectivo de non ter que desprazarse ao Concello. A nova sede estará activa os 365 día ao no e as 24h do día. "o noso obxectivo é a modernización do Concello de cara a facilitar ao cidadán os trámites para que desde a súa casa poida conseguir de forma áxil presentar toda a documentación" sinala o Alcalde, José Miñones.

Imaxe virtual da nova sede electrónica de Ames

Multimedia

  • Facilidade de tramitación para a veciñanza
  • A sede conta con Oficina Virtual Tributaria