Solapas principales

Nova edición dos "Encontros literarios en Ames" con "A conto do literario", de Alfredo Conde

Martes, 01 de noviembre de 2022

O mes de novembro arrinca cunha nova cita do programa “Encontros Literarios de Ames”. Nesta ocasión, o escritor Alfredo Conde presentará o seu libro “A conto do literario”, un relato do seu tránsito polos sistemas literarios galego e español. Será este xoves 3 de novembro ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

O departamento de Bibliotecas de Ames organiza deste xeito o quinto encontro literario do curso 2022-2023, unha das principais actividades programadas para adultos. Dende setembro xa interviñeran os autores Diego Rojo, Eduardo Estévez, Xosé Manoel Núñez Seixas e Fernando Franjo.

A obra protagonista nesta ocasión é “A conto do literario”, un texto de Alfredo Conde publicado por Ézaro Ediciones. Nela, Conde (Allariz, 1945) verte as súas memorias e narra as distintas peripecias que viviu durante o seu tránsito polos sistemas literarios galego e español, así como as preguntas que lle foron xurdindo ao longo da súa carreira. Na súa presentación o autor estará acompañado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Alfredo Conde é un político e escritor galego de narrativa e poesía. Ten recibido galardóns como o Premio Nacional de Narrativa (1986), o Premio Nadal (1991) e o Premio Blanco Amor (1984). Ademais, foi deputado no Parlamento de Galicia durante doce anos, e conselleiro de Cultura no executivo de Fernando González Laxe entre os anos 1987 e 1990.

En novembro do 2021 o autor xa presentou nos encontros literarios a súa obra “En canto a Fraga”, na que contaba, a través de historias, feitos e reflexións, a súa relación de amizade co político Manuel Fraga Iribarne, que perdurou a pesar das súas diferenzas políticas pero que rematou de maneira drástica.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alfredo Conde lleva su obra 'A conto do literario' al Pazo da Peregrina el 3"

El Correo Gallego: "Presentan 'A propósito de lo literario', del galardonado Alfredo Conde"

Nova edición dos "Encontros literarios en Ames" con "A conto do literario", de Alfredo Conde

Multimedia

  • Alfredo Conde presentará a súa última obra, "A conto do literario"