Solapas principales

As “Noites en Vela” de A Ponte Maceira acollerán este ano as actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras

Lunes, 30 de junio de 2025

O vindeiro sábado 19 de xullo, a partir das 21:00 horas, celebrarase unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que xa é toda unha tradición e que vincula anualmente aos concellos de Ames e Negreira dende o 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021. Este ano os grupos encargados de amenizar a noite serán as amesás “As Maianas” que darán paso a “Caamaño & Ameixeiras” e, finalmente, haberá un espectáculo pirotécnico que poñerá o punto final á velada. O acceso ao evento é de balde. A actuación de Caamaño & Ameixeiras está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2025. 

Esta mañá, A Ponte Maceira acolleu a presentación dunha das súas xornadas máis especiais, “Noites en Vela”. Este gran monumento e paisaxe natural volverá a apagar o seu alumeado público para que centos de persoas gocen dunha velada única de música e cultura o vindeiro 19 de xullo. Este programa, organizado conxuntamente entre os departamentos de Cultura de Ames e Negreira, busca poñer en valor unha paraxe paisaxística e monumental como é A Ponte Maceira, declarada ben de interese cultural (BIC) no ano 2022 e localización que forma parte da listaxe dos pobos máis bonitos de España.

Á presentación do evento acudiron o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; o alcalde do Concello de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; a técnica do departamento de Cultura do Concello de Ames, María Vázquez; e o técnico do departamento de Cultura do Concello de Negreira, Marcos Pérez.

O concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García, subliñou que “as Noites en Vela son unha das nosas celebracións máis destacadas, cun telón de fondo incomparable como é A Ponte Maceira. Os Concellos de Ames e Negreira colaboramos con moito gusto para facer que a nosa veciñanza desfrute dunha noite de música e espectáculo”. 

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, destacou que “dende o Concello de Negreira seguimos apostando por este evento porque cremos que é un bo xeito de potenciar o turismo na Ponte Maceira, un dos lugares máis fermosos que temos nos dous concellos. As Noites en Vela é un xeito de poñer en valor e dar a coñecer A Ponte Maceira, a través da música. Todos os anos ten unha gran afluencia de veciños e veciñas dos dous concellos, de peregrinos e turistas”.

As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
Neste 2025, os grupos encargados de amenizar a noite do 19 de xullo serán “As Maianas” e “Caamaño & Ameixeiras”. 

A agrupación de cantareiras “As Maianas”, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal. 

Pola súa banda, “Caamaño & Ameixeiras” é un dúo formado en 2018 composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras moi ligado tamén á música e baile tradicional. Na actualidade contan con prestixio tanto a nivel nacional coma internacional. Tomando como partida inicial sons populares da nosa terra, este dúo crea pezas de composición propias cun selo moi persoal nas que mesturan o tradicional con recursos máis contemporáneos. 

A actividade é de balde. Para coñecer máis información pódese contactar co Concello de Ames escribindo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal ou co de Negreira, escribindo a marcos.perez@concellodenegreira.es.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Música y luz en A Ponte Maceira con «Noites en vela»"

El Correo Gallego: "‘Noites en Vela’ en Ames e Negreira con Caamaño & Ameixeiras"

Diario de Santiago: "As “Noites en Vela” de A Ponte Maceira acollerán este ano as actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras"

Diario de Compostela: "As Maianas e Caamaño & Ameixeiras actuarán nas Noites en Vela da Ponte Maceira"

Lindeiros: "Volven as "Noites en Vela" a Ponte Maceira"

As “Noites en Vela” de A Ponte Maceira acollerán este ano as actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras

Multimedia

  • As “Noites en Vela” de A Ponte Maceira acollerán este ano as actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
  • As “Noites en Vela” de A Ponte Maceira acollerán este ano as actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
  • As “Noites en Vela” de A Ponte Maceira acollerán este ano as actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras