- Tematica
O vindeiro sábado, 18 de xullo, a partir das 21:00 horas, celebrarase unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que xa é toda unha tradición e que vincula anualmente aos concellos de Ames e Negreira dende o 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021. Este ano os grupos encargados de amenizar a noite serán o cuarteto Balteira e mailo grupo de gaitas amesán da Asociación Cultural Follas Novas. Ademais, haberá un espectáculo pirotécnico que poñerá o punto final á velada. O acceso ao evento é de balde. A actuación de Balteira está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2026. Haberá un servizo de autobús gratuíto que percorrerá O Milladoiro, Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns.
Esta mañá, A Ponte Maceira acolleu a presentación dunha das súas xornadas máis especiais, “As Noites en Vela”. Este gran monumento e paisaxe natural volverá a apagar o seu alumeado público para que centos de persoas gocen dunha velada única de música e cultura o vindeiro 18 de xullo.
Este programa, organizado conxuntamente entre os departamentos de Cultura de Ames e Negreira, busca poñer en valor unha paraxe paisaxística e monumental como é A Ponte Maceira, declarada ben de interese cultural (BIC) no ano 2022 e localización que forma parte da listaxe dos pobos máis bonitos de España.
Á presentación do evento acudiron o alcalde e concelleiro de Cultura do Concello de Ames, Blas García; o alcalde do Concello de Negreira, Manuel Ángel Leis; e os/as concelleiros/as de Cultura, José Antonio Villar; Deportes, Mar García; Medio Ambiente, Adolfo Barbosa; e Educación, Mario Barreiro, do Concello de Negreira. Tamén participaron a técnica do departamento de Cultura do Concello de Ames, María Vázquez; e o técnico do departamento de Cultura do Concello de Negreira, Marcos Pérez.
O alcalde e concelleiro de Cultura de Ames, Blas García, subliñou que “as Noites en Vela xa é unha festa consagrada, que organizamos xunto ao Concello de Negreira, e que se celebra nun paraxe tan bonito como é A Ponte Maceira. É importante porque potenciamos a música tradicional. Por aquí pasaron grupos como as Tanxugueiras ou Xabier Díaz, que acabaron sendo grupos moi importantes da música galega. Deste xeito, con este evento seguimos apostando por grupos novos e emerxentes da música galega e grupos locais e da contorna”.
O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, destacou que “este é un evento importante para os dous Concellos. Con este evento conseguimos promover a nosa cultura musical, tradición, o Camiño a Fisterra – Muxía, e este lugar emblemático como é A Ponte Maceira, declarada ben de interese cultural e un dos pobos máis bonitos de España. Por iso temos que seguir mantendo esta colaboración co Concello de Ames para seguir mantendo este entorno marabilloso”.
Balteira
Neste 2026, os grupos encargados de amenizar a noite do 18 de xullo serán Balteira e mailo grupo de gaitas amesán da Asociación Cultural Follas Novas. A actuación de Balteira está subvencionada polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
O cuarteto Balteira nace a finais do 2025 en Betanzos da man de Cris Sánchez e Noa Migal (voces e percusións), Álex Fente (acordeón) e Pablo Pacior (ventos). A súa proposta céntrase na recuperación do repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos pero respectando a estrutura e a emoción das pezas tradicionais.
Os cantares que sempre encheron de festa os torreiros e as melodías instrumentais para o baile, son o eixo sobre o que xiran os seus concertos, mantendo o espírito da foliada desde a calidade técnica e interpretativa destes catro grandes da nosa música tradicional. Entre as gravacións xa editadas, destacan o Maneo de Anxeriz, con arranxo de Pedro Lamas, e a Muiñeira de Bardaos.
Os seus integrantes proceden de proxectos tan recoñecidos como Tiruleque, Xose Lois Romero & Aliboria, Comando Curuxás ou Habelas Hainas, e contan cunha grande bagaxe como intérpretes e docentes de música tradicional en diferentes asociacións e escolas de todo o país.
O nome da agrupación fai referencia á soldadeira medieval María Pérez “A Balteira”, figura histórica vinculada á liberdade e á transgresión social; fonte de inspiración e símbolo do carácter renovador do proxecto. Balteira é a forza da renovación na tradición galega.
Grupo de gaitas da AC Follas Novas
Por outra banda, o grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas está formado por socios/as e alumnos/as da asociación para difundir a música galega e colaborar animando as festas dos veciños en diferentes eventos (festas, actividades culturais...). Desta volta, participarán nas Noites en Vela interpretando varios temas de música tradicional galega.
Servizo de autobús gratuíto
O Concello de Ames habilita un servizo de autobús gratuíto que percorrerá O Milladoiro, Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. Deste xeito, preténdese facilitar á asistencia ao evento, así como evitar a masificación de vehículos particulares en A Ponte Maceira, lugar declarado ben de interese cultural (BIC).
A hora de saída do autobús será ás 20.00 horas desde O Milladoiro, e realizará paradas nas localidades mencionadas anteriormente, ata chegar A Ponte Maceira. O regreso farase unha vez remate a velada. As persoas interesadas en empregar este servizo deberán enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto, ou chamar ao número 881 074 730.








