Solapas principales

A música dos Beatles e as aventuras de "Little Neno", este xoves 31 en Bertamiráns

Sábado, 26 de marzo de 2022

As bibliotecas de Ames presentan unha nova sesión de música e de contos para a cativada, nesta ocasión con "Little Neno descobre... Os Beatles". A editorial A Reixa combina teatro, narrativa e música en directo para dar a coñecer a un dos grupos de maior renome da historia da música pop. A proposta, orientada ao público familiar, terá lugar o xoves 31 de marzo ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O espectáculo poderá seguirse en lingua de signos.

"Little Neno" é unha serie de libros infantís creada por Dani Llabrés e Jaime Pantoja, co fin de mergullar no mundo da música aos nenos e nenas máis pequenos. Deste xeito, os adultos poden compartir coas crianzas a música que lles gusta, a través de relatos que dan a coñecer a historia, a música e as letras de bandas e artistas de gran renome.

Foi a editorial A Reixa a que se encargou de traducir os primeiros títulos ao galego desta colección, dando como resultado os libros dedicados aos Beatles e aos Rolling Stones. Os exemplares, pensados para ler en familia, inclúen un código QR coas letras das cancións traducidas ao galego, e dende a súa edición van acompañados de varias sesións de contacontos que xa realizaron en varios concellos.

No seu libro e espectáculo sobre os Beatles, empréganse as letras e a historia do grupo para construír un relato atractivo para as nenas e nenos. Nesta ocasión, o oso de peluche de Little Neno, Renato, marcha nun curioso submarino amarelo, e o protagonista deberá atopalo coa axuda de personaxes como o Tolo do Outeiro, o home ovo, Lucy no seu ceo de diamantes ou mesmo unha morsa.

Esta sesión de música e narración é o primeiro da programación do departamento de Bibliotecas co gallo da chegada de abril, o mes do libro. O resto do itinerario será presentado nos vindeiros días.

A música dos Beatles e as aventuras de "Little Neno", este xoves 31 en Bertamiráns

Multimedia

  • A música dos Beatles e as aventuras de "Little Neno", este xoves 31 en Bertamiráns