Solapas principales

Mellórase a accesibilidade nas rúas do Milladoiro e Bertamiráns a través dunha actuación incluída no Plan Impulsa Ames cofinanciado polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020

Sábado, 07 de noviembre de 2020

O Concello de Ames avanza no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que está a piques de rematar é a eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Este proxecto está incluído dentro do Obxectivo Temático 6 da EDUSI dirixido a “Preservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos”, e concretamente na liña de actuación LA8 “Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”. As obras para a mellora da accesibilidade en vaos de pasos de peóns no Milladoiro están rematadas. Os traballos que se están executando na localidade de Bertamiráns están a piques de rematar.

O Concello de Ames está executando as obras de eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do eixe 12 do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE). No caso das obras do Milladoiro, xa rematadas, foron executadas pola empresa Construcciones Iglesias Mera SL e contaron cun presuposto de 10.807,45 euros.

No Milladoiro, as obras executáronse en varios vaos puntuais da avenida Rosalía de Castro e os seus cruces coas rúas da Moa e Cruxa. En ambos casos, a actuación trata de resolver de xeito accesible a continuidade peonil da que carecen estas rúas, para que todas as persoas poidan utilizar o espazo público, con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade. No Milladoiro xa se executaron as obras no paso de peóns de avenida de Rosalía de Castro á altura da intersección coa rúa da Moa por un lado e por outro coa rúa Agro do Medio, así como no cruce da avenida de Rosalía de Catro coa rúa da Cruxa.

En Bertamiráns, os traballos foron adxudicados á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 69.820 euros. As obras de eliminación de barreiras en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado de Bertamiráns executáronse en diferentes tramos da avenida da Maía e cruces puntuais desta vía coa avenida da Peregrina, a travesía da Peregrina, e as rúas Rueiro, Alcalde Lorenzo, praza do Concello, da Fragua, do Pedregal, Fontaldeiro e Poeta da Maía. Nesta localidade estase traballando na travesía da Peregrina e na avenida da Peregrina. Ademais, falta rematar as obras nunha zona da avenida da Maía e arranxar un problema de accesibilidade  no entronque camiño do Rueiro.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Obras, Blas García, estiveron comprobando en Bertamiráns o avance de ditas obras e os traballos que quedan por executar. Para o rexedor municipal “é prioritario poder avanzar no Plan Impulsa Ames e na liña de accesibilidade, que complementa as outras actuacións realizadas ao longo destes anos e que están a adaptar os edificios municipais así como as rúas de Ames”.

Plan Integral de Accesibilidade de Ames
Para o desenvolvemento das actuacións de accesibilidade que se executaron, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, tívose en conta o Plan Integral de Accesibilidade de Ames, no que se indican como incumprimentos xeralizados a resolver a ausencia de vaos peonís adecuados en determinados cruces, a existencia de pavimentos inadecuados, a carencia de varandas de apoio en escaleiras e desniveis, e a inexistencia de sinalización de pasos de peóns en determinados cruces.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, indica que “con estas obras pretendemos continuar a accesibilidade do noso concello, e seguir co proxecto e a planificación iniciada no mandato anterior no que se realizaron varias obras, entre as que destacan a adaptación de edificios públicos, a rúa Agro do Medio, a praza da Maía, o novo parque adaptado do Milladoiro, etc.”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames elimina barreiras e mellora os accesos en Bertamiráns e Milladoiro"

Imaxe da visita ás obras de accesibilidade de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe das obras de accesibilidade de Bertamiráns
  • Imaxe da visita ás obras de accesibilidade de Bertamiráns
  • Imaxe das obras de accesibilidade de Bertamiráns
  • Imaxe do resultado das obras de accesibilidade no Milladoiro
  • Imaxe do resultado das obras de accesibilidade no Milladoiro