Solapas principales

Medallas de ouro e prata para o MillaRaio no Campionato de España Sub14

Viernes, 22 de octubre de 2021

Sobresaínte actuación dos atletas do club MillaRaio no Campionato de España Sub14 celebrado en Xixón os días 16 e 17 de outubro. O club conseguiu un total de 478 puntos e trouxo dúas medallas para Ames: ouro en salto de lonxitude e prata en lanzamento de xavelina, ámbalas dúas acadadas por Nuno Castro. Todos os atletas lograron unha excelente actuación e varias marcas persoais. 

Como “actuación sobresaínte” denominan os responsables do MillaRaio a participación dos seus atletas no Campionato de España Sub14 que se celebrou en Xixón mediados do mes de outubro. Os 478 puntos acadados polo club de atletismo MillaRaio sitúan ao equipo do Milladoiro a tan só 4 puntos do “top ten”, unha marca que seguramente tería sido superior de non terse lesionado Mateo Dagnac na proba dos 1000 metros.

Ademais das medallas de ouro en salto de lonxitude e prata en xavelina acadadas por Nuno Castro, o resto dos atletas - Carlos Álvarez, David Moreno, Jorge García, Lucas Francos, Mateo Dagnac, Nadir Moreira e Roi López-  tamén acadaron marcas persoais importantes. Ademais, todos eles viviron unha grande experiencia, tendo a oportunidade de compartir dúas xornadas de competición de alto nivel con 27 clubs máis da categoría masculina e 30 da feminina de toda España.

Para a concelleira Susana Señorís, o éxito destes atletas é o éxito do deportes de Ames: “Celebramos semana a semana como os nosos deportistas levan o nome do Concello polo mundo e como acadan tan bos resultados tanto de xeito individual como para o club"

O MillaRaio agradece a colaboración da Deputación da Coruña para o desprazamento a este campionato.

MillaRaio