Solapas principales

Mariña Pérez presenta o seu libro “Finximentos” dentro do programa Encontros Literarios

Lunes, 13 de mayo de 2024

A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este mércores, 15 de maio, coa presentación da novela “Finximentos”, de Mariña Pérez Rei. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo. Tamén asistirá Fran Alonso, director de Xerais.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. Estas presentacións tratan de dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza de Ames. Este programa contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.

Este novo encontro literario da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista narradora e poeta amesá Mariña Pérez Rei, que presentará a súa última obra “Finximentos”, editada por Xerais. Estará acompañada polo director de Xerais, Fran Alonso, e pola xornalista e escritora Nazaret López.

O acto, que terá lugar este mércores 15 de maio no pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:30 horas, estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García. A entrada será libre ata completar aforo.

Mariña Pérez Rei
Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica, actualmente exerce como profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Eduardo Pondal, en Santiago de Compostela, onde creou o grupo “Equipo da Dinamización da Lingua Galega”.

Na súa obra destacan a poesía e a novela curta, ademais de numerosos artigos de opinión en prensa. Entre os premios recibidos ao longo da súa traxectoria literaria destacan o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón e o premio Manuel Lueiro Rei. Ademais, a súa obra “Finximentos” gañou no ano 2023 o XXV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, organizado polo Concello de Lugo en colaboración con Edicións Xerais.

Sinopse de “Finximentos”
Nené baila unha danza de resistencia ao redor de Heinrich, nunha escena de xadrez que os volve invisibles. Os dous sobreviven nun mundo en crise, nun teatro de máscaras onde nada é o que parece e a identidade se torna un xogo, un intercambio efémero entre bambolinas.

Asalariados, estafadores ou grandes cínicos, os dous deambulan na procura dunha esquina limpa na costa galega para nadar ou para naufragar, para ocultar o seu amor entre dunas ou para sentirse vivos. Saben que a farsa empeza na propia gorxa, que o silencio é un baixío que hai que evitar, que o valor dunha conversa é infinito no perfil das apetencias. Aprecian tanto o que beben coma o tícket que amosa a súa consumición.

Mariña Pérez presenta o seu libro “Finximentos” dentro do programa Encontros Literarios

Multimedia

  • Mariña Pérez presenta o seu libro “Finximentos” dentro do programa Encontros Literarios