- Tematica
Este pasado luns, 30 de marzo, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 94 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro 6 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor.
O programa Primavera Lúdica desenvólvese os días 30 e 31 de marzo, e 1 e 6 de abril, coincidindo cos días non lectivos da rapazada con motivo da Semana Santa. Para facilitar aínda máis a compatibilidade, os horarios de entrada e saída dos menores son flexibles, tendo a posibilidade de incorporarse ás 7.30 (con almorzo) ou ás 9.00 horas, e de ser recollidos ás 14.30 ou ás 16.00 horas.
Por outra banda, esta edición conta coa participación total de 94 rapaces e rapazas; 34 deles no CEIP A Maía, 20 do CEP Ventín e 40 na EEI Milladoiro. O programa deste ano está centrado no poder e posibilidades das diferentes disciplinas artísticas dentro do contexto educativo.
A concelleira de Educación, Beatriz Martínez e o alcalde de Ames, Blas García, achegáronse esta mañá ata o Pazo da Peregrina de Bertamiráns para falar coas crianzas que están a participar nesta edición e tamén coas monitoras da escola. A concelleira sinalou que ante a alta participación “unha vez máis se demostra que os servizos de conciliación en Ames son fundamentais” e que “investir en conciliación é investir no futuro”.
Pola súa parte, o alcalde suliñou que “nestas épocas de vacacións, onde as familias teñen que traballar, este servizo é imprescindible”. Un servizo que “levamos prestando dende hai moitos anos e que imos seguir ofrecendo”.
Programa Primavera Lúdica
O programa de conciliación Primavera Lúdica é unha oferta educativa e de ocio concibida para axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar. Tamén é necesario non ter débedas en período executivo coa facenda municipal.








