Solapas principales

Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017

Viernes, 12 de agosto de 2022

O Concello de Ames puxo en marcha en 2017 un plan de prevención e defensa contra lumes forestais baseado na plantación de frondosas caducifolias como castiñeiros, bidueiros, noceiras ou roble americano. Dende a súa posta en funcionamento actuouse en cinco parroquias plantando 5.111 árbores en 20 hectáreas de monte grazas á colaboración de máis de 100 propietarios/as que se adheriron ao plan. Tras cinco anos de funcionamento o Goberno municipal valora o Plan como “exitoso” e convida á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e ao presidente da Xunta a visitar o concello e coñecer o plan de prevención.

Ames conta dende o ano 2017 cun plan de prevención e defensa contra lumes forestais, baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, o Concello busca, ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención.

Este plan xorde a finais do ano 2016, despois dos graves incendios sufridos no concello en anos anteriores, como unha aposta por un modelo que dotase de maior seguridade ao noso entorno a través do aproveitamento das faixas secundarias. En decembro de 2017 o pleno do Concello de Ames adoptou, por unanimidade, o acordo de Aprobación do Plan de medidas preventivas fronte incendios forestais mediante plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa do Concello de Ames.

Isto supuxo o comenzo dun plan cuatrianual, recentemente renovado, no que o Concello asume no seu orzamento a dotación dunha brigada composta por un capataz e dous peóns durante 5 meses ao ano así como una asignación económica para realizar os traballos de plantación. Grazas a esta iniciativa actuouse en aproximadamente 200.000 metros cadrados e plantáronse 5.111 árbores.

O Concello de Ames prioriza o fomento de plantación de frondosas caducifolias, entre as que destacan castiñeiros, freixos, abeleiras, cerdeiras, pradarías, bidueiros, noceiras, ameneiros, mazanceiras, pereiras ou roble americano, en aquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto. Concretamente definíronse 59 ámbitos de actuación para levar a cabo este plan de prevención.

Este Plan municipal foi medrando grazas a concienciación da veciñanza e a súa participación. Lévase a cabo a través dun sistema mediante o que se subvenciona por parte do Concello de Ames o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias.

Histórico do Plan de prevención
O plan comezou cun proxecto experimental sobre 37 terreos da parroquia de Piñeiro, concretamente nos lugares de Rúa, San Mamede e Covas; nos que se plantaron 815 árbores nunhas 1,9 hectáreas de 33 propietarios e propietarias que se adheriron ao programa.

Na segunda fase, déuselle continuidade aos traballos realizados na primeira fase actuando no ámbito 27 que comprende os lugares de Balindo, Fernande e Vilaverde, na parroquia de Piñeiro. Ademais, actuouse nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova e Os Batáns e no ámbito 25 que se corresponde con A Folgueira e Mercuto, na parroquia da Ameixenda. Nesta ocasión, actuouse en 5,7 hectáreas, unhas 76 terras, con 44 persoas propietarias implicadas e 1570 árbores autóctonas plantadas.

Xa na terceira fase, rematáronse os ámbitos 4A e 4B que comprenden o Monte de Outeiro e Pena Amarela, en Aldea Nova e Os Batáns. Do mesmo xeito avanzouse no ámbito 9 que inclúe Ventosa, O Lombao e a urbanización do Bosque Animado, na parroquia de Covas. Neste período 2018–2019, traballouse en 3,4 hectáreas, con 514 árbores distribuídas entre 34 terras de 30 persoas adheridas ao plan.

A cuarta fase, correspondente ao período 2019–2020, Medio Ambiente presentou actuacións para rematar o ámbito 9, e incorporou os ámbitos 37 de Frenza – Vilouta, na parroquia de Tapia e 55 Montemaior, na Ameixenda. En total, unhas 41 terras e unha superficie de 42 hectáreas e 1076 árbores frondosas plantadas ao longo de 4,7 hectáreas.

Finalmente, na quinta fase do plan de prevención contra lumes forestais que se corresponde co período 2021–2022 rematáronse os traballos pendentes no ámbito 55 e 9 coa plantación de 1136 árbores en 48 fincas, o que supón 45,9 novas hectáreas adheridas ao plan. Ademais deuse inicio aos traballos no ámbito da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Un ámbito que engloba un total de dez hectáreas, repartidas entre 350 terreos forestais duns 160 propietarios e propietarias.  

Convite á ministra e ao presidente da Xunta
Tras cinco anos de funcionamento o Goberno municipal valora o Plan como “exitoso” e considera que “pode ser un modelo interesante a exportar a outros Concellos, pois que logra combinar a protección do noso medio coa prevención dos incendios forestais”. Por todo isto, o alcalde de Ames, Blas García, remitiu esta semana unha carta á Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para convidalos a visitar o concello e coñecer de primeira man o Plan amesá de prevención de incendios mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa.

Unha carta na que o rexedor municipal destaca que este plan “serve de utilidade na loita contra os incendios” pois as árbores autóctonas actúan como o mellor dos cortalumes, protexendo o entorno contra o lume, ao mesmo tempo que se pon en valor un terreo non explotable forestalmente. Segue dicindo que "é un sistema de prevención xa contrastado e que da un resultado positivo, tal e como puidemos comprobar en incendios forestais recentes".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames repobló 20 hectáreas con más de 5.000 frondosas en su plan de prevención de incendios"

El Correo Gallego: "Invitan a Rueda y Ribera a comprobar como 5.111 árboles protegen del fuego"

AMSGO!: "Ames recuperou 20 hectáreas forestais en 5 anos co plan de prevención de lumes"

Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017

Multimedia

  • Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017
  • Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017
  • Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017
  • Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017