Solapas principales

Máis de 30 pilotos correrán este sábado, 19 de setembro, no Gran Premio Concello de Ames de sueprcross 2026

Viernes, 18 de septiembre de 2026

O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames, organiza o vindeiro sábado, 19 de setembro, unha nova edición do Gran Premio Concello de Ames de supercross, un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial e non federado, pero que é unha das probas que conforman a Galicia League. O evento desenvolverase no circuíto SX Alex de Moure, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, e participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Neste edición correrán un total de 33 pilotos, destacando a participación de Álex García, Dani Carracedo e Joaquín Castro.

O Motoclub Ameixenda volve a carga cunha nova edición do Gran premio Concello de Ames de supercross. Trátase dun evento deportivo a nivel autonómico, non oficial e non federado, de acordo a lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia. A través desta proba trátase de potenciar o deporte de base na modalidade do supercross e motocross. 

Na actualidade Galicia é unha potencia a nivel mundial neste deporte con figuras tan relevantes como Jorge Prado e Rubén Fernández. Jorge Prado compite no Campionato AMA de Supercross dos Estados Unidos, nas filas do equipo Monster Energy Kawasaki. Gañou catro veces o Campionato Mundial de Motocross, dúas delas na categoría raíña, MXGP, (2023 e 2024), e dúas en MX2 (2018 e 2019). Ademais, Rubén Fernández compite no Campionato Mundial de Motocross, na categoría raíña, MXGP. Fernández vén de acadar o segundo posto na segunda carreira do MXGP de Gran Bretaña, que se disputou a pasada fin de semana, e está cuarto na clasificación xeral do campionato mundial.

Dende o Motoclub Ameixenda indican que para que pilotos como Jorge Prado e Rubén Fernández cheguen a disputar o campionato do mundo teñen que organizarse probas como a de Ames que serven para que rapaces e rapazas se inicien neste deporte.

Categorías e horarios
Esta proba, que se desenvolverá no circuíto SX Alex de Moure, na parroquia da Ameixenda, forma parte dun campionato de supercross e motocross a nivel autonómico, denominado “Galicia League Crono Racing”, no que participan os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. O Gran premio Concello de Ames de supercross 2026 está organizado polo Motoclub Ameixenda o o Concello de Ames.

Os/as participantes que se inscriban estarán divididos/as en diferentes categorías: 50cc, 65cc, 85cc, Promoción, Máster 35 e Élite. Estímase que participen máis de 30 pilotos entre os que destaca a presenza do amesán Álex García, Álex Carracedo ou Joaquín Castro. Na actualidade hai inscritos 33 pilotos, pero podería participar algún máis.

Pola mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Ás 17:00 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.

Circuíto SX Alex de Moure
O circuíto SX Alex de Moure dispón dunha pista de 680 metros e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Para esta edición do Gran premio Concello de Ames de supercross realizáronse varias melloras no circuíto. O trazo dispón de máis ancho e conta cun novo salto. Ademais, este ano aplicouse un novo material máis arxiloso en toda a pista o que permite que teña maior resistencia á humidade.

Este recinto de máis de 19.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro gratuíto, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.

Máis de 30 pilotos correrán este sábado, 19 de setembro, no Gran Premio Concello de Ames de sueprcross 2026

Multimedia

  • Máis de 30 pilotos correrán este sábado, 19 de setembro, no Gran Premio Concello de Ames de sueprcross 2026
  • Máis de 30 pilotos correrán este sábado, 19 de setembro, no Gran Premio Concello de Ames de sueprcross 2026