- Tematica
O pasado martes, 22 de abril, púxose fin a unha nova edición do programa Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo principal deste proxecto era achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. Desta volta, houbo tres sesións de cine nas que se proxectaron, por unha parte, os filmes “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, e “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño, e por outra, unha sesión con catro curtas diferentes. No ciclo deste ano participaron un total de 235 persoas, superando amplamente as cifras de asistencia da pasada edición (125 persoas).
O Concello de Ames celebrou a quinta edición do Abril de Cine, un programa cultural que pretende achegar o cinema galego á veciñanza amesá. Nesta ocasión, apostouse por establecer unha programación con diferentes propostas de autores galegos nas que todos os filmes teñen un mesmo nexo en común, o desarraigamento.
Pola súa banda, o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, subliñou a boa acollida que tivo esta edición do ciclo de cinema, “estamos moi satisfeitos coa participación da veciñanza amesá nas actividades do concello. Intentamos levar a cabo unha programación diversa e atractiva que chegue a todos os públicos”.
Gran aumento de participación
Nesta quinta edición do ciclo de cine organizado polo Concello de Ames, superáronse amplamente as cifras de participación de anos anteriores, consolidando así o cinema como unha das principais opcións de ocio entre a veciñanza amesá.
Desde a organización amósanse satisfeitos coa resposta da veciñanza, que incluso conformou un público fiel repetindo en varias sesións. Ademais, destacan o gran número de xente moza que asistiu á última sesión de noite de curta.
Por outra banda, tanto o público como os propios directores/as dos filmes que formaron parte deste Abril de Cine, valoraron dun xeito moi positivo a proposta de coloquios tras a proxección das películas, nos que ao longo de todas as sesións participaron de forma activa numerosas persoas do público.
Tres sesións de cinema galego
A pesar de que as proxeccións deste ano eran diferentes entre si, todas trataban no seu argumento a temática do arraigamento. Deste xeito, nesta edición estiveron presentes as directoras das dúas longametraxes, Margarita Ledo e Zeltia Outeiriño, os directores das curtas; Xacío Baño, Manu Lucas Mariño e Hugo Amoedo, e a produtora da curta “Noites de prata”, Rita Cid. Asi mesmo, cada un deles participou nos coloquios que se realizaron ao finalizar cada filme, para afondar e destacar os aspectos máis rechamantes de cadansúa obra audiovisual.
O ciclo comezou o pasado 3 de abril, coa proxección do documental “Prefiro condenarme”, dirixido por Margarita Ledo e galardoada no Festival de Sevilla e no Locarmo Pro. Esta primeira sesión do ciclo foi a que maior afluencia de público rexistrou, cunha participación de 88 persoas.
A segunda xornada desenvolveuse o 10 de abril, na que se emitiu o filme “Filmeu paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño González. Na proxección desta obra autobiográfica que narra, en parte, o retorno de Zeltia a Galicia, a asistencia foi de 68 persoas.
A terceira e derradeira sesión, que conformou unha noite de curtas, desenvolveuse o pasado 22 de abril. Desta volta, proxectáronse un total de catro curtas diferentes nas que en todas está moi presente o xénero documental; “Platónico, platónica” de Xacío Baño, “Noites de prata de Soraya Antelo, “Carracedo” de Manu Lucas Mariño, e “Pechar caixas, abrir caixas” de Hugo Amoedo. A esta última sesión asistiron un total de 79 persoas.
Deste xeito, rexistrouse unha afluencia de público ao longo de todo o ciclo de 235 persoas, superando así amplamente as cifras de edicións anteriores e consolidando esta proposta cultural entre a veciñanza amesá.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Máis de 200 persoas participaron na quinta edición do Abril de Cine de Ames"
Diario de Santiago: "Máis de 200 persoas asistiron ás proxeccións do programa Abril de Cine, en Ames"













