Solapas principales

Máis de 1.080 nenos e nenas de Ames empregarán o vindeiro curso o servizo de comedor escolar municipal

Miércoles, 31 de julio de 2013

[31-07-2013] Un total de 1.088 nenos e nenas de Ames serán usuarios/as da rede municipal de comedores durante o vindeiro curso, segundo os datos provisionais que manexa a Concellería de Educación do Concello de Ames, unha vez pechado o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios puidesen matricularse ou renovar praza para o curso 2013-2014.

Deste xeito, os comedores do CEIP A Maía, do CEIP Agro do Muíño, do CEIP de Barouta, do CEP de Ventín e da Escola de Educación Infantil do Milladoiro (EEIM) acollerán durante o vindeiro curso a 1.088 nenos e nenas, unha cifra superior á do curso 2012-2013, que comezou con 1.045 inscritos/as.

Os servizos complementarios do Concello de Ames teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da rede de comedores escolares, un servizo xestionado directamente polo Concello, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

O Concello de Ames dispón dunha técnica en nutrición e dietética que é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente de xeito que non se repiten e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais.

Menús adaptados
Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Durante o curso 2012-2013, realizáronse un total de 117 menús adaptados cada día. Ademais, dende este servizo prestouse unha especial atención a 11 casos de alerxia a alimentos con risco de shock anafiláctico. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.

Ademais da rede de comedores municipal, o Concello de Ames ofrece outros servizos de conciliación durante o curso escolar. Trátase dos programas Bos Días Cole e Tardes divertidas, que se desenvolven tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria.