- Tematica
Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, organizou durante o mes de xullo o campamento sénior Amessán 2023, que estivo dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. As actividades de dito campamento realizáronse os martes e xoves de cada semana. Participaron máis de 100 persoas que realizaron diferentes actividades de envellecemento activo. Todos os xoves visitaron diferentes vila galegas: a Fervenza do Ézaro, Carnota, Ourense, Lalín e Boiro.
O campamento sénior Amessán 2023, dirixido a persoas de 60 anos en diante empadroadas en Ames, vén de chegar a súa fin este xoves 27 de xullo, cunha última saída á vila de Boiro, que serviu como xornada de clausura. Neste último día, realizaron unha visita guiada ao Pazo de de Goiáns. Posteriormente, participaron nun xantar popular nun piñeiral e recibiron a visita do alcalde, Blas García, e da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García.
En total realizáronse catro saídas ao longo dos xoves do mes de xullo, que complementaron ás actividades terapéuticas ao aire libre, que se realizaron os martes en diferentes puntos de Bertamiráns (Pazo da Peregrina e parque do Ameneiral) e do Milladoiro (praza de Manuel Murguía e contorna da piscina municipal do Milladoiro). As actividades do campamento contaron cunha participación dunhas 110 persoas, e desenvolvéronse en horario de mañá como parte do programa Amessán, que deste xeito ampliou a súa programación habitual ao verán.
Ademais da saída a vila de Boiro, as/os participantes no campamento sénior gozaron doutras saídas. O xoves 6 estiveron na Fervenza do Ézaro e posteriormente visitaron a vila de Carnota. A segunda excursión foi o xoves 13 á cidade de Ourense, onde visitaron As Burgas e deron un paseo pola cidade ourensá.
Xa na segunda quincena de actividades, o xoves 20 viaxouse a vila de Lalín, para desfrutar do Museo Etnográfico Casa do Patrón. Alí puideron visitar as 14 salas de exposicións organizadas por temáticas, onde se pode observar unha antiga escola, unha taberna, un forno, unha forxa tradicional, entre outros oficios esquecidos, así como elementos cotiáns que conformaron os hábitos de vida dos nosos devanceiros.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, destaca “a gran participación que tivo este verán o campamento sénior do programa Amessán no que participaron máis de 100 persoas. Trátase dun programa dirixido a persoas de máis de 60 anos. O obxectivo é que os nosos maiores pasen un verán entretido visitando diferentes vilas e cidades galegas e tamén que continúen realizando diferentes actividades de envellecemento activo. No mes de agosto paran as actividades do programa Amessán, para de seguido volver a comezar un novo curso en outubro. O prazo de inscrición comezará a partir do 15 de setembro”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Más de un centenar de personas participaron en el campamento sénior de Ames dirigido a mayores de 60 años"