Solapas principales

Maio das Letras no IES do Milladoiro: semana cultural das Letras Galegas

Viernes, 21 de mayo de 2021

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES do Milladoiro, en colaboración co Departamento de Música, organiza a Semana Cultural das Letras Galegas cun variado programa de actividades que se desenvolverán entre o 24 e o 31 de maio. Algunhas das actividades terán lugar na Casa de Cultura do Milladoiro e outras nas dependencias do IES, seguindo sempre os protocolos COVID establecidos, e irán destinadas a diversos grupos de alumnado desde 1º de ESO a 1º de Bacharelato. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa.

Haberá actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Xela Arias, encontros musicais, interculturais e de divulgación científica, así como un obradoiro para crear roteiros emocionais.

O luns, 24 de maio, o actor Serafín Marcos realizará dúas representacións teatrais para dar a coñecer a vida e a obra de Xela Arias.

O martes, día 25, terá lugar un encontro intercultural, artístico e educativo relacionado co proxecto Jamm-in! no que participa o noso IES. Trátase dunha actividade encamiñada á inclusión social a través da expresión artística e á mellora da convivencia: “Joint Artistic Methodologies for Migrants Inclusion” (Metodoloxías artísticas para a inclusión e integración de persoas migrantes)

O mércores, 26 de maio, temos unha charla-concerto coa prestixiosa artista Guadi Galego. Neste concerto, unha alumna de 2º de ESO e un alumno de 4º terán unha participación especial pois acompañarán á artista interpretando unha canción.

O xoves, día 27, Vero Rilo e Marcos PTT desenvolverán un obradoiro para crear roteiros emocionais a través da memoria colectiva da oralidade.

O venres, día 28, haberá un encontro con Juan Casto Rivadulla, investigador en neurociencia e profesor na Universidade da Coruña, que nos achegará ao funcionamento do cerebro a través do seu interesante e ameno libro: A que cheiran as cores.

Pechamos a semana cultural o luns, día 31, cunha charla divulgativa sobre matemáticas impartida por Elena Vázquez Abal, investigadora, profesora da USC e presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ciencia, arte e inclusión se abrazan en el tributo de Milladoiro para Arias"

Maio das Letras no IES do Milladoiro

Multimedia

  • Maio das Letras no IES do Milladoiro