- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu, finalmente, esta edición das Noites en Vela 2025, que contou coas actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras. Este ano contouse con servizo de bus gratuíto para asistir ao evento, que saíu desde O Milladoiro. A actuación de Caamaño & Ameixeiras está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2025.
As Noites en Vela deste ano, tras varios cambios por mor das previsións meteorolóxicas, celebráronse con éxito, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Debido ás previsións, que apuntaban choivas para este sábado, 30 de agosto, os concertos tiveron que trasladarse ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, polo que A Ponte Maceira terá que agardar un ano máis para vivir unha das súas noites máis máxicas do ano. Esta edición contou cun aforo completo e o público asistente puido gozar das actuacións de As Maianas e Caamaño & Ameixeiras.
A actividade estivo conxuntamente organizada polos departamentos de Cultura dos Concellos de Ames e Negreira. Trátase dun evento que naceu para poñer en valor unha gran paraxe paisaxística e natural como é A Ponte Maceira, e que vincula aos concellos de Ames e Negreira ano tras ano desde a creación desta cita no 2016.
As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
As encargadas de amenizar as Noites en Vela deste ano foron as integrantes do grupo amesán As Maianas, que deron paso ao dúo Caamaño & Ameixeiras.
A agrupación de cantareiras As Maianas, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.
Pola súa banda, Caamaño & Ameixeiras é un dúo formado en 2018 composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras moi ligado tamén á música e baile tradicional. Na actualidade contan con prestixio tanto a nivel nacional coma internacional. Tomando como partida inicial sons populares da nosa terra, este dúo crea pezas de composición propias cun selo moi persoal nas que mesturan o tradicional con recursos máis contemporáneos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "As Noites en Vela celébranse hoxe a cuberto en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Noites en Vela coa música das Maianas e o dúo Caamaño & Ameixeiras"
Diario de Santiago: "As Maianas e Caamaño & Ameixeiras póñenlle música ás Noites en Vela 2025"

























