Solapas principales

A localidade de Bertamiráns contará cun novo sistema de alumeado LED grazas aos fondos FEDER

Viernes, 23 de septiembre de 2022

O Pazo da Peregrina acolleu este pasado xoves, 22 de setembro, a presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Dita actuación foi adxudicada á empresa Ferrovial Construcciones SA por un importe de 437.511,85 euros (IVE incluído). A actuación principal é a substitución de 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Co novo sistema de alumeado LED redúcese nun 79% a potencia instalada pasando a 40.40 kW e o consumo anual baixa nun 83% pasando a ser de 143.014,63 kWh. O custe anual tamén se reduce nun 83% pasando a ser de 27.253,49 euros.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que está adxudicado e que comezará a executarse proximamente é o proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns. Para dar a coñecer dita actuación entre a veciñanza e mailas asociacións do concello, realizouse un evento público que tivo lugar este pasado xoves, 22 de setembro, no Pazo da Peregrina.

A dito evento acudiron membros de diversas asociacións do concello, concelleiros/as do Goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e Ciudadanos. No acto interviron a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, o redactor do proxecto da empresa Giga Soluciones, Pedro Antes, e mailo alcalde de Ames, Blas García.

A concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, comezou a súa intervención explicando que “o Concello de Ames leva anos apostando pola mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións, sexa en edificios coma na iluminación pública. De feito, non é a primeira vez que acometemos melloras neste eido, que agora se van ver complementadas con esta actuación, tan ambiciosa como necesaria, no núcleo urbano de Bertamiráns, priorizando en estradas, beirarrúas e pasos peonís, xa que a seguridade viaria figura como unha das grandes prioridades do proxecto”.

Susana Señorís engadiu “o alumeado público é unha gran fonte de consumo, dado que se trata dun sistema con elevados tempos de funcionamento. Isto ten a vantaxe de que calquera mellora na xestión conleva inmediatamente altos niveis de aforro enerxético. Deste xeito, coa substitución de 940 luminarias por luces LED e reformando a instalación eléctrica municipal vaise acadar unha redución do consumo do 83% que, en cartos, supón máis de 132.000 euros ao ano. Iso, no que se refire unicamente ao beneficio económico. Pero o beneficio ambiental tamén é unha prioridade para o Concello de Ames. Con esta medida reduciremos a emisión de gases de efecto invernadoiro, a contaminación lumínica, o consumo de enerxía final en infraestruturas públicas e, en definitiva, melloraremos a eficiencia enerxética do concello, con todo o que iso supón para a preservación da nosa contorna”.

Preto de 6.000 luminarias cambiadas en todo o concello
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o Concello de Ames, con esta e outras medidas incluídas na Estratexia DUSI, que seguiremos presentando nas vindeiras semanas, ponse á vangarda do aforro enerxético, unha das medidas clave para a conservación do planeta. Tras esta actuación serán preto de 6.000 as luminarias que se cambiaron por tecnoloxía LES en todo o concello durante os últimos oito anos. Cambiáronse as luminarias do Milladoiro, aínda que quedan pendentes as do parque empresarial e das rúas anexas, e tamén se cambiaron as luminarias de todo o rural. Agora procederase a cambiar as de Bertamiráns, pero neste eido non temos todo feito porque temos pendente de elaborar un plan de aforro enerxético”.

Blas García tamén incidiu en que “o elevado consumo enerxético das cidades, o seu prezo, cada vez máis inasumible, e o seu efecto negativo no medio ambiente, amosan a importancia, a necesidade imperiosa, dun cambio cara a un modelo urbano sustentable. Unha das características principais da rede de alumeado público actual é a súa ineficiencia: contaminación lumínica e gasto innecesario, que non só prexudica a nosa contorna senón que tamén ten consecuencias negativas para a poboación, tanto nos seus petos coma na súa saúde”.

“Acabamos de escoitar que este cambio de case 1.000 luminarias por luces LED permitirá un aforro no consumo de enerxía dun 83%. Máis de 130.000 euros de redución de gasto municipal anual, uns cartos que se poderán destinar ás necesidades da poboación e a mellorar as súas vidas. E todo iso farase sen diminuír ningunha das garantías que nos ofrece o alumeado público: a seguridade, absolutamente irrenunciable, e a mobilidade de peóns e de tráfico rodado. Ames demostra así que reducir o consumo enerxético na iluminación das nosas cidades sen deixar as rúas ás escuras non é unha utopía. É unha realidade posible, responsable e necesaria. Todos e todas, cada un na nosa medida, temos un papel na axeitada xestión da enerxía e o seu impacto no planeta”, manifestou o alcalde.

Características do proxecto
Pedro Antas, da empresa Giga Soluciones, foi o encargado de facer a presentación do proxecto. A actuación está dividida en dúas fases: na primrira cambiaranse 651 puntos de luz e reducrirase en 102,21 kW a potencia instalada, mentres que na segunda fase substituiranse 289 puntos de luz e reducirase a potencia intalada en 52,68 kW. En total, substituíranse 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Nalgunhas aproveitase a luminara e instálase retrofit. Tamén se van cambiar 210 soportes por outros de máis altura.

As novas luminarias dispoñerán de driver pre-programado para redución de fluxo de maneira automática de forma temporizada unha vez activada a orde de aceso das instalacións. Ademais, levarase a cabo a substitución de 16 centros de mando por outros novos e reformaranse 2 centros de mando para adaptalos ao regulamneto establceido. Por último, haberá que reforzar a rede de terra e instalarase un sistema de telexestión en cada centro de mando para poder realizar o control do alumeado de xeito personalizado.

Esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos. Na actualidade emprégase unha potencia total de 195.36 kW e un consumo ao ano de 840.056,60 kWh o que ociasiona un suste anual de 160.084,81 euros. Co novo sistema de alumeado LED redúcese nun 79% a potencia instalada pasando a 40.40 kW e o consumo anual baixa nun 83% pasando a ser de 143.014,63 kWh. O custe anual tamén se reduce nun 83% pasando a ser de 27.253,49 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Baixarán o consumo das farolas un 83 % na capital"

Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación do proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns