Desde este xoves, día 21, ata o domingo, día 24, as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán a terceira edición do Ciclo de monólogos do Concello de Ames. Esta edición mestura figuras consolidadas do panorama humorístico galego xunto con artistas emerxentes e, ademais, por segundo ano consecutivo conseguiuse un cartel paritario, no que actuarán o mesmo número de mulleres que de homes, poñendo así en valor á presenza feminina dentro do sector da comedia. Aínda quedan entradas dispoñibles para algunhas sesións e poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Na xornada do domingo contarase con intérpretes de lingua de signos.
Dende o xoves 21 ao domingo 24, Ames convértese na capital do humor, do enxeño e da retranca, presentando ás voces máis sorprendentes e independentes do panorama galego dos contos, os sucedidos e o humor. Unha iniciativa que nas dúas edicións anteriores tivo moi boa acollida por parte do público amesán e que mestura figuras consolidadas no noso país dentro do ámbito humorístico xunto con artistas emerxentes.
Esta primeira sesión correrá a cargo de Josito Porto e Luis Rey, o xoves 21 de maio dende as 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Deste xeito, o vilagarcián Josito Porto, cunha ampla experiencia no mundo da interpretación, con papeis memorables en “Pratos combinados” ou “Matria”, será o protagonista dunha sesión que abrirá co stand-up de Luis Rey.
Xa o venres, chegarán Marita Martínez e Carla Mañas. Desta vez, o dúo cómico actuará na Casa da Cultura do Milladoiro, tamén ás 21.00 horas. A primeira é coñecida pola súa dilatada experiencia tanto no teatro como na televisión, sendo recoñecida por “Os Atlánticos” ou “Pulp Air”, e representará en Ames, as memorias da súa avoa. Pola súa banda, Carla Mañas é unha humorista ascendente que xa conta con certa experiencia dentro e fóra de Galicia, onde triunfou co seu espectáculo “Súper Freak”.
Na terceira xornada, o sábado 23, será a quenda de Leti da Taberna e Irene Medín, nunha sesión que transcorrerá na Casa da Cultura de Bertamiráns, dende as 21.00 horas. Leti, que levou a taberna a TikTok, presenta o seu monólogo “Enredada”, onde explora os métodos para usar as redes sen converterse en peixe para carnada. Abriralle a cortina Irene Medín, unha humorista que recordará o importante que é o humor para a supervivencia.
Pecharán esta edición do ciclo Celso Fernández Sanmartín e Fernando Palitos o domingo 24, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estes dous cómicos conforman unha dupla perfectamente complementada: Celso é o contador de historias galego máis difícil de imitar, mais esas historias rouboullas a Fernando Palitos “Pali”. Ambos xuntan as catro cousas que unha persoa necesita para contar historias: altura de miras, calor, ver mundo e saber o camiño de volta.
Cómpre destacar que esta última sesión terá interpretación en lingua de signos da man de @gemixflora e @luci.ilse e grazas ao asesoramento lingüístico da especialista en LSE @vivirsignando.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "Josito Porto e Luis Rey abren este xoves unha nova edición dos monólogos de Ames"






