Solapas principales

As IX Xornadas Acércate á Igualdade céntranse na educación e na prevención da violencia de xénero entre a mocidade

Jueves, 21 de noviembre de 2019

Ao longo do día de hoxe a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a novena edición das Xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, baixo o título “Acércate á igualdade”. A apertura institucional correu a cargo do alcalde, José Miñones, da concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella. En dito acto tamén estiveron a directora, Maite Arufe, e maila psicóloga, Mónica Antelo, do Centro de Información á Muller (CIM) de Ames. Unhas 134 persoas participaron nestas xornadas de igualdade.

O Concello de Ames celebra ao longo deste xoves, 21 de novembro, a novena edición da xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero. Dende a organización indican que unhas 134 persoas participarán ao longo do día nas mesas de debate, conferencias e obradoiros organizados. A programación destas xornadas recolle diferentes conferencias para profesionais e outras sesións destinadas á cidadanía en xeral.

A xornada foi aberta pola concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, que explicou para ter unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e máis prospera é preciso centrarnos na educación e na prevención da violencia de xénero entre a mocidade. “Nestas xornadas falarase do valor do feminismo como movemento para abordar os desequilibrios de poder, reflexionado sobre a visibilidade da muller na vida pública e dun feminismo, que vou chamar radical, porque busca cambios profundos, que estea favor das leis de xénero porque o machismo institucional e laboral non se combate só coa igualdade legal entre homes e mulleres. Falo dun feminismo que estea en contra da prostitución, dos ventres de alugueiro e dun feminismo que non quede só na educación, senón que tamén debe abordar como erradicar esas desigualdades”.

“As mulleres non decidimos ser mulleres, senón que nacemos femias e non podemos interiorizar un rol social de muller no que se nos negue a nosa autonomía, renegándonos a un papel secundario subordinado ao papel do home. Nestas xornadas tamén se falará da transmisión de valores, da importancia de desaprender para aprender, e de decosntruír para volver a construír. Se queremos unha sociedade mellor, máis igualitaria, máis xusta e máis prospera só hai un camiño... as políticas, sobre todo as municipalistas, que son as que se teñen que adaptar aos cambios”, destacou Luísa Feijóo.

A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, coincidiu con Luísa Feijóo en destacar que “as políticas municipais son fundamentais para previr a violencia de xénero, pero tamén o son as políticas da administración autonómica, que ten as competencias de intervención no ámbito da loita contra a violencia machista, e por suposto para traballar xunto con outras institucións, e para remover os obstáculos que aínda persisten na nosa sociedade e que provocan que non acabemos de conseguir esa igualdade real e efectiva. En Ames vanse abordar temas fundamentais como son a educación como prevención, a corresponsabilidade, a brecha salarial, o acoso laboral, etc. Aínda temos que traballar dende un feminismo responsable, mulleres e homes teñen que traballar para dar pasos firmes, para que as mulleres non segan sendo discriminadas nesta sociedade actual. Escoitar que se negue a violencia machista é algo inasumible na sociedade actual”.

A Secretaria Xeral da Igualdade achegou unha serie de datos sobre a violencia de xénero: dende o ano 2003 foron asasinadas 1.027 mulleres por violencia de xénero en España, 61 delas eran galegas. Este ano en España foron asasinadas 51 mulleres, en Galicia foron asasinadas 5. Ademais, dende o ano 2013 houbo 34 menores que foron vítimas mortais, 3 este ano. Dende o ano 2013 quedaron 275 nenos/as orfos e 43 este ano. En Galicia este ano houbo 4 nenos/as orfos. Dende o ano 2007 tramitáronse 1.738.298 denuncias. Durante este ano houbo 80.114 denuncias en España e 3.343 en Galicia. Ademais, na actualidade hai 957 ordes de protección en vigor. “Este son algúns dos datos visibles que deixa a violencia de xénero, pero hai datos invisibles, por iso son tan necesarias xornadas como estas”, rematou dicindo Susana López Abella. 

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “o asasinato é a máis estrema das violencias machista, pero non é a única, son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Está claro que para afrontar estas violencia é necesario recoñecer as graves fendas de xénero que existen no ámbito social, económico, político e cultural. Cómpre atallar as causas estruturais e sociais que levan a estas desigualdade e facelo a través de políticas reais para a promoción da igualdade e da prevención destas violencias. Para traballar nesta liña é preciso contemplar recursos humanos e económicos. A intervención no ámbito da educación cremos que é prioritaria, pero seguimos incidindo na importancia da prevención e facendo o chamamento de que contra as violencias, ten que haber máis educación. O obxectivo que nos temos que marcar de é ter 0 vítimas de violencia de xénero”.

Programa das xornadas
As xornadas comezaron coa conferencia “O reto educativo de previr violencia de xénero dende as primeiras idades”. Esta conferencia foi impartida pola psicopedagoga e feminista, Luz Martínez Ten, que explicou que dende as primeiras idades hai que educar en igualdade e hai que ensinar a amar porque é o que axuda a previr a violencia de xénero. Seguiulle unha mesa redonda sobre “A corresponsabilidade en materia laboral a debate” na que participaron a doutora en socioloxía, Belén Fernández, e as especialistas en dereito; María Ánxeles García e Consuelo Ferreiro.

Despois dunha pausa para o café, ás 12.00 horas, comezou outra mesa redonda: “Visibilidade e acceso da muller á vida pública”. Formaron parte dela Cristina López, doutora en Ciencias da actividade física e do deporte; Clara R. Cordeiro, licenciada en Historia da Arte e Ana Sanmartín, xornalista e membro de Xornalistas Galegas. Xa as 13.10 horas impartiuse a conferencia “Desaparecer para aprender” da man de Noemí Casquet, xornalista e divulgadora especializada en sexoloxía, así como directora en Santa Mandanga, a primeira plataforma de educación sexo-afectiva explícita. Noemí Casquet é autora do libro Mala Mujer.

Na súa intervención, Noemí Casquet abarcou temas como os estereotipos que existen arredor da muller, a súa mitificación, a importancia da liberación das persoas do sistema a través do feminismo, ou o falso amor romántico. Ademais tamén falou da importancia da diferenciación ente apoloxía e información, cando falamos de sexo ou dos estereotipos que existen arredor da menstruación. Finalmente chegou ao que ela considera o punto clave da súa charla, que é preguntarnos a nós mesmos quen somos.

Obradoiros programados para a tarde
Pola tarde, o público asistente pode escoller dous dos seis obradoiros programados. Esta parte da xornada está dirixida a un público máis xeral. Na primeira parte, que terá lugar entre as 16.00 e as 17.15 horas, poden elixir entre a opción A co obradoiro “¿Como xestionar a nosa ansiedade? Conecta coa túa serenidade”, impartido por Manuel Darriba; a opción B: “Nutrición e emoción. Como se alimenta o noso cerebro?”, de Belén Ventín, ou a opción C: “O medo como aliado do equilibrio emocional”, de Libertad Culebras.

Na segunda parte, que se desenvolverá entre as 17:30h e as 18:45 horas, o público asistente pode escoller entre a opción A: “Comunicación eficaz para o empoderamento e a toma de decisións”, de Marian Cabelas, a opción B: “A importancia de educar en Igualdade”, impartido por Jéssica Ríos, ou a opción C: “Es suficiente. A importancia do autocoñecemento e autocoidado” de Alba Nogaredo.

Súmate á Igualdade, súmate á solución
A Concellaría de Benestar Social puxo en marcha a campaña Súmate á Igualdade, súmate á solución, que estará vixente durante todo o ano. Trátase de concienciar a toda a poboación da lacra social que constitúe a violencia de xénero e de que está na nosa man acabar con ela, co noso compromiso, o compromiso de toda a poboación. Esta campaña desenvólvese grazas a unha axuda da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

É un campaña de sensibilización e concienciación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero dirixida a toda a cidadanía. A través desta campaña repartiranse camisetas, pulseiras co lema Súmate á Igualdade, súmate á solución; impartiuse un obradoiro de bo trato dirixido ao alumnado de 1º da ESO dos IES de Milladoiro e Bertamiráns; e colocaranse lonas nas instalacións deportivas, así como carteis e vinilos nas instalacións do concello.

Imaxe da concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella

Multimedia

  • A apertura institucional correu a cargo do alcalde, José Miñones, da concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella
  • A apertura institucional correu a cargo do alcalde, José Miñones, da concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella
  • Na súa intervención, Noemí Casquet abarcou temas como os estereotipos que existen arredor da muller
  • Noemí Casquet impartiu a conferencia “Desaparecer para aprender”
  • As xornadas comezaron coa conferencia “O reto educativo de previr violencia de xénero dende as primeiras idades”, impartida pola psicopedagoga e feminista, Luz Martínez Ten
  • Imaxe da mesa redonda: “Visibilidade e acceso da muller á vida pública”
  • Nesta mesa redonda participaron Cristina López, doutora en Ciencias da actividade física e do deporte; Clara R. Cordeiro, licenciada en Historia da Arte e Ana Sanmartín, xornalista e membro de Xornalistas Galegas
  • Embedded thumbnail for