Solapas principales

Inscríbete nas actividades da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames

Miércoles, 14 de septiembre de 2022

O Concello de Ames vai celebrar por cuarta vez consecutiva a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2022 se desenvolve do 16 ao 22 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes. Deste xeito, o programa inclúe andainas, xogos, coloquios, mostras e marchas ciclistas ao longo da semana. A temática escollida pola Comisión Europea para este ano é “Mellores conexións”, coa que se busca difundir os beneficios de uso das formas de transporte sostibles. Para participar nestas actividades é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Preme nesta ligazón para descargar o bando sobre a prohibición de estacionamento nos aparcadoiros da rúa Agriños e da Casa da Cultura do Milladoiro o sábado 17 de setembro.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Ata o momento, máis de 1.700 cidades e vilas sumáronse á campaña deste ano, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Mellores conexións”, que se sustenta nas relacións entre persoas, lugares, transporte público, planificación e política.

As actividades comezan este venres, 16 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna que partirá ás 22:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns. Ao igual que en edicións anteriores, tratarase dun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Para participar cómpre inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, e levar chaleco reflector e casco durante a marcha.

O programa continuará o sábado 17, cunha serie de xogos e actividades orientados á rapazada dos 4 aos 12 anos. A partir das 17:00 horas, o aparcadoiro da travesía do Porto, no Milladoiro, acollerá de xeito simultáneo uns xogos populares en bicicleta e a proposta “Coñecendo a Unión Europea”, co gallo da presentación do proxecto dos carreiros escolares, que forma parte do Plan Impulsa Ames – EDUSI, que terá lugar este xoves, 15 de setembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar nestas actividades recoméndase inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal.

De xeito simultáneo, haberá unha mostra de bicis, patíns e motos eléctricas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, por cortesía de WECO mobility.

Xogos para coñecer a Unión Europea
Deste xeito, os nenos e nenas que participen nas actividades do sábado 17 poderán escoller entre participar nos xogos populares en bicicleta e a proposta “Coñecendo a Unión Europea” (os que o desexen poderán participar en ambas actividades).

Propóñense tres xogos infantís para coñecer a Unión Europea: fai parellas coas bandeiras dos países da Unión Europea (poderanse pintar as bandeiras e haberá que emparellar as bandeiras que estarán colocadas boca abaixo memorizando onde están as bandeiras que son iguais); constrúe a Unión Europea (os rapaces e rapazas terán que montar un puzzle do mapa da UE onde cada pais estará nunha cor diferente e co nome do pais e da súa capital); e comecocos origami (os nenos e nenas poderán montar os comecocos. En cada comemcosos haberá preguntas e reflexións sobre a Unión Europea). O obxectivo é ofrecerlles aos rapaces e rapazas alternativas didácticas divertidas para que combinen co exercicio físico que se propón nesta xornada.

Andaina pola senda verde
A fin de semana rematará con dúas iniciativas máis o domingo 18. En primeiro lugar, realizarase unha andaina pola senda verde, un percorrido de 12 quilómetros de dificultade baixa que une O Milladoiro con Bertamiráns. Será ás 10:00 horas, partindo dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro. Para participar nesta saída, na que colaboran as Concellarías de Promoción da Saúde e de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, cómpre inscribirse enviando un correo a promociondasaude@concellodeames.gal indicando “Andaina senda verde”, e especificando se se precisa autobús.

A xornada completarase ás 12:00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns, cunha nova mostra de medios de transporte sostibles a cargo de WECO mobility. Ao igual que no Milladoiro farase unha mostra de bicis, patíns e motos eléctricas.

Charlas para as persoas maiores
A programación pecharase o martes 20, con dúas charlas para as persoas maiores cos coordinadores provinciais de educación viaria da Coruña, baixo o lema “Sabelo é empezar a evitalo”. Nelas poderán consultar dúbidas e inquedanzas sobre a mobilidade no concello e a seguridade viaria, en especial no eido dos atropelos en vías interurbanas, o foco principal das recentes campañas de concienciación da Dirección Xeral de Tráfico. Serán ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e ás 19:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Rutas, juegos, muestras y charlas desde el viernes con la IV Semana da Mobilidade"

AMSGO!: "Do 16 ao 22 – S Ames celebra a Semana Europea da Mobilidade"

Cartaz do programa de actividades da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames

Multimedia

  • Cartaz do programa de actividades da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames