Solapas principales

Inscríbete na terceira actividade do programa Trouleando “A rolos polo Cebreiro!” que se desenvolverá o sábado 28 de marzo

Sábado, 07 de marzo de 2020

Durante o mes de marzo continúa o programa Trouleando (Findes para a mocidade), que desenvolve a Concellaría de Mocidade. Trátase dunha iniciativa a través do cal se organizarán diferentes actividades lúdicas, deportivas e culturais, durante as tardes - noites do fin de semana. Para este mes de marzo proponse unha actividade que conxuga diversión, deporte e socialización entre a mocidade denominada; A rolos polo Cebreiro! Trátase dunha actividade para gozar da neve e das paisaxes que ofrece un lugar como o Cebreiro. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, é necesario inscribirse previamente. O prazo de inscrición remata o 16 de marzo.

Para este mes de marzo, dentro do programa Trouleando, proponse unha actividade que conxuga diversión, deporte e socialización entre a mocidade… A rolos polo Cebreiro!, é unha actividade para gozar da neve, así como un bo complemento para saír da rutina da semana e gozar dunha xornada de xogos e actividades para divertirse e combater a pasividade: captura da bandeira, bolas…

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “o conxunto monumental do Cebreiro, así como todo o seu entorno, son poboacións que merece a pena coñecer en calquera época do ano, pero ten algo especial no inverno. No seu entorno están as tradicionais e famosas pallozas, hoxe convertidas en tendas de recordos ou de alimentación. Ademais, dende este lugar pódense contemplar unhas espectaculares vistas da paisaxe típica da montaña lucense”.

A actividade terá lugar o sábado, 28 de marzo, con saída en autobús dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 8.00h, e da Casa da Cultura do Milladoiro ás 8.15 horas. Os rapaces e rapazas que participen nesta actividade comerán no Cebreiro, así que cada participante deberá levar algo de cartos para xantar. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando ao Milladoiro arredor das 20.30h e a Bertamiráns ás 20.45h aproximadamente. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais titores-as ou representantes legais.

Esta actividade está dirixida a mozos e mozas que teñan a partir de 14 anos en diante. Para inscribirse hai que estar empadroado/a no Concello de Ames. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envía a omix@concellodeames.gal. O prazo para entregala remata o 16 de marzo e as prazas son limitadas ata un máximo de 30. Será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver a actividade, en caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para resolver calquera dúbida contacta coa OMIX de xeito presencial (Casa do Concello, en Bertamiráns, os luns, mércores e xoves, e na Casa da Cultura do Milladoiro, os martes e venres); chama ao número de teléfono 616 083 229 ou envía un correo electrónico a omix@concellodeames.gal.

Programa Trouleando
O programa Trouleando (Findes para a mocidade) ofrece una alternativa de ocio participativo e igualitario para a mocidade de todas as idades e para todos os gustos e intereses. Dentro do programa teñen cabida actividades de deporte aventura, saídas, diferentes encontros, actividades audiovisuais, danza urbana... e moitas outras actividades. Para ir coñecendo a programación de dito programa poderanse consultar as redes sociais da OMIX (Instagram e Facebook). Na páxina web municipal tamén se irá dando conta das actividades que se realizarán a última quincena de cada mes.

As actividades desenvolveranse nas instalacións municipais e prazas públicas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como no anfiteatro do Milladoiro, que se está executando, e no anfiteatro de Lapido que se construirá este ano. A maioría das actividades son de balde. Haberá algunhas nas que haberá que inscribirse previamente, pero anunciarase con suficiente antelación para que os/as interesados/as poidas apuntarse. A maior parte das actividades estarán dirixidas a mozos e mozas de 14 anos en diante.

Cartel da terceira actividade do programa Trouleando “A rolos polo Cebreiro!”

Multimedia

  • Cartel da terceira actividade do programa Trouleando “A rolos polo Cebreiro!”