Solapas principales

Inscríbete e participa nos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!

Sábado, 31 de agosto de 2019

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, abre o vindeiro luns, 2 de setembro, o prazo para inscribirse nunha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura "En galego, co teu acento!. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolverá de luns a venres nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, durante os meses de outubro e novembro. Ofrécense un total de 40 prazas (20 para cada localidade). O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de setembro.

O Concello de Ames repite unha edición máis un obradoiro que todos os anos ten un grande éxito entre as persoas de fóra de Galicia. Na actualidade Ames conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte o concello amesán nun espazo privilexiado de intercambio cultural, unha interculturalidade que o enriquece enormemente.

Os obradoiros de lingua e cultura están dirixidos a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galega. Moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galegas e, por esta razón, enténdese necesaria a organización deste obradoiro para que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas que contribúan á súa integración e asentamento e á cohesión social e que sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explica que se trata "dun obradoiro gratuíto, impartido pola técnica municipal de Normalización Lingüística, que serve para achegar ás persoas procedentes de fóra de Galicia a nosa lingua e cultura. Esta actividade sempre esperta grande interese entre os veciños e veciñas de Ames, polo que animamos á veciñanza a inscribirse durante o mes de setembro neste novo obradoiro".

O obxectivo desta actividade é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua. Será unha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos.

Ademais, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura e á historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición vai do 2 de setembro ata o 23 do mesmo mes. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e no Servizo de Axuda ao Migrante (SAMI), que está situado nas oficinas municipais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 e 981 535 941.

Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, do 1 ao 28 de outubro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a venres. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 4 ata o 29 de novembro, tamén de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:30 h. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades. As persoas que asintan, como mínimo, ao 90% das sesións recibirán un diploma acreditativo da asistencia.

Cartel dos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!

Multimedia

  • Cartel dos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!