Solapas principales

Inscríbete e participa no “CeibaRimas” que se vai desenvolver este venres, 28 de agosto, no anfiteatro do Milladoiro

Martes, 25 de agosto de 2020

O anfiteatro do Milladoiro acollerá este venres, 28 de agosto, o obradoiro de rimas en galego “CeibaRimas”, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Consellaría de Política Social da Xunta e Galicia, en colaboración coa OMIX de Ames. Trátase dun proxecto de rap improvisado en galego que ten como obxectivo prioritario a normalización da lingua galega entre a mocidade. Fran, rapeiro do grupo Rebelión do Inframundo, será o encargado de dinamizar o obradoiro en Ames. Por mor da Covid-19, e para seguir estritamente as normas de seguridade, o grupo que participará no obradoiro redúcese a 15 persoas máximo. As persoas que queiran inscribirse poden facelo xa a través da páxina web www.ceibarimas.gal.

O "CeibaRimas" nace como unha ferramenta para aproximarse á mocidade e para normalizar o uso da lingua galega entre este sector da poboación. Un sector que rapea con asiduidade pero que, en moitas ocasións, o fai en castelán e seguindo as pautas, case sempre machistas, das batallas de galos. O "CeibaRimas" busca tamén abandonar esas dinámicas machistas e crear un formato máis feminista e inclusivo.

A estrutura do "CeibaRimas" baséase en dous eixos: obradoiros e eventos. Durante este mes de agosto, en distintos puntos de Galicia, entre eles Ames, organizaranse ao redor de 10 obradoiros de improvisación nos que se lles ensinarán as/os participantes as ferramentas básicas para iniciarse no mundo do rap improvisado.

Por outra banda, no mes de setembro organizarase unha Liga de Rap na que haberá que improvisar en galego. A Liga de Rap estará composta de cinco eventos, un por provincia e un para a final, nos que as persoas inscritas competirán por ser o/a mellor dentro da disciplina. Está Liga estará aberta tanto á participación das persoas que se formen nos obradoiros como do público en xeral.

Antecedentes do “CeibaRimas”
O “CeibaRimas” xorde durante o período de confinamento coa creación de #CeibaRimasChallenge, un reto de Instagram que consistía en subir un vídeo de un minuto improvisando en galego e retar a tres persoas a continuar a cadea. A iniciativa tivo moi boa acollida, conseguindo que se subisen 50 vídeos nas primeiras semanas e que se acadasen os 200 seguidores nun mes.

Cartel do “CeibaRimas” que se vai desenvolver este venres, 28 de agosto, no anfiteatro do Milladoiro

Multimedia

  • Cartel do “CeibaRimas” que se vai desenvolver este venres, 28 de agosto, no anfiteatro do Milladoiro