Solapas principales

Iníciase o proceso participativo do Plan Impulsa Ames

Sábado, 28 de julio de 2018

A semana pasada, no Pazo da Peregrina, realizáronse varias xuntanzas do proceso participativo da Estratexia DUSI “Impulsa Ames”. Os procesos de participación centráronse nos obxectivos temáticos das novas tecnoloxías (OT2); urbanismo e eficiencia enerxética (OT4 e OT6) e acción social (OT9). Estas xuntanzas, que tiveron un gran seguimento, estiveron dirixidas a empresas, empresarios do sector e asociacións veciñais. Durante este exercicio vanse tramitar varios expedientes divididos por liñas de actuación. Así, preténdese abordar a tramitación dun total de 23 expedientes por valor de 1.474.252 euros.

Impulsa Ames é a aposta estratéxica de cidade que promove o Concello de Ames para favorecer o desenvolvemento urbano sustentable e integrado e que se levará ata o ano 2022. Actualmente Ames, ten que facer fronte a diferentes retos que abarcan desde cambios demográficos ata as consecuencias do estancamento económico en termos de creación de emprego, pasando polo impacto do cambio climático.

Para abordar a execución de dito Plan o Concello de Ames está inmerso nun proceso que require da participación da veciñanza. Debido a iso a pasada semana realizáronse varias xuntanzas dirixidas a empresas, empresarios do sector e asociacións veciñais. Estas reunións súmanse ás realizadas internamente cos membros do goberno e cos grupos da oposición de cara a coñecer o proceso interno e ás que tiveron lugar no seu día para a presentación da estratexia. A ditas xuntanzas asistiron os técnicos do Concello e a persoa responsable do programa por parte da consultora EOSA. Foron charlas dunha hora de duración aproximadamente, que se alongaron do horario previsto debido ás preguntas dos asistentes.

Ademais, o Concello ven de habilitar na páxina http://ames2020.gal/ a información relativa ao Plan. Tamén se acaba de abrir a convocatoria de presentación de expresións de interese, que o Concello poñerá en marcha en breve cos proxectos da E-Administración, logo da presentación da auditoría realizada, e o proxecto de construción dun novo espazo verde no Milladoiro, moi demandado pola poboación desta localidade. No mes de setembro realizarase unha presentación aberta á cidadanía do Plan Impulsa Ames e das accións que se levarán a cabo.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca “a importancia deste Plan de acción e desenvolvemento do Concello de Ames, que con mais de 6 millóns de orzamento terá continuidade ao longo dos vindeiros 4 anos. Agardamos que nesta anualidade xa podamos poñer en marcha algunha das obras ou servizos asociados, despois de toda a tramitación burocrática que durante estes meses tivemos que facer”.

Retos do Plan Impulsa Ames
Os retos urbanos identificados, que se van abordar dentro de dito Plan son; mellorar a cohesión social, facendo os seus servizos e equipamentos accesibles para toda a súa cidadanía; mellorar a contribución de Ames á redución da pegada de carbono transformándoo modelo enerxético e de mobilidade municipal en modelos baseados na eficiencia enerxética; pór en marcha un modelo de xestión sustentable dos recursos naturais e culturais de Ames e aproveitar os mesmos para mellorar a dotación de espazos verdes, a integración e a conectividade entre os núcleos máis e menos densos do municipio; aproveitamento do potencial endóxeno para dinamizar a economía local, contribuír a incrementar a diversidade sectorial a través do emprendemento e transformar a relación de dependencia con Santiago nunha relación de complementariedade; e fixar poboación facendo de Ames un municipio máis habitable, cohesionado, integrado e accesible.

Mellora no uso e calidade dos servizos TIC
Para abordar todos estes retos establecéronse diferentes obxectivos e liñas de actuación. Nas xuntanzas de participación veciñal abordáronse os obxectivos temáticos das novas tecnoloxías (OT2); urbanismo e eficiencia enerxética (OT4 e OT6) e acción social (OT9).

Dentro do obxectivo temático 2 de mellora no uso e calidade dos servizos TIC vanse abordar dúas liñas de actuación. A primeira é un programa de implantación progresiva da E-Administración e da E-Servizos, para os que se dispón de 470.400 euros. As actuación que recolle este programa son: a auditoría xa realizada e presentada; implantación de procedementos de E-Administración como a Tarxeta cidadá; implantación de procedementos de E-Administración e equipamentos de modem WiFi e de computadores cos periféricos necesarios a todos os equipamentos públicos existentes no municipio; e a cartelería dixital.

O segundo programa do obxectivo temático 2 e o plan de aplicación das NTIC´S á xestión eficientes dos recursos municipais e a prevención de risco. Disponse dunha contía de 201.600 euros para a instalación de sensores lumínicos en diferentes tramos da iluminación pública municipal, xestionado a intensidade emitida polos farois segundo patróns de ocupación, tráfico e horario; posta en marcha dun sistema municipal de Apps para móbil, que se centrará en tres ámbitos: turismo, comercio local e transporte municipal; instalación de dispositivos de sensorización presencial en farois, en equipamentos socioculturais, deportivos e outras instalacións municipais para control de intensidade lumínica; instalación de equipos de ligazón e conexión co centro de recollida de datos, e instalación de dispositivos de sensorización para a detección temperá de inundacións, equipos de ligazón e conexión co centro de recollida de datos.

Transición a unha economía baixa en carbono
Dentro do obxectivo temático 4 de favorecer a transición a unha economía baixa en carbono (EBC) en todos os sectores establecéronse tres liñas de actuación que son o programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, para o que se dispón de 912.000 euros (elaboración dun Plan de mobilidade, posta en marcha do transporte municipal, transporte baixo demanda de taxi); o programa de creación dunha rede de sendeiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e ciclable, para o que existe unha partida de 432.000 euros (traballo de estudo previo sobre os carreiros escolares; instalación de alumeado do carreiro do CEIP Agro do Muíño e creación de carreiros).

Asemade, creouse outra liña de actuación para a mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos. Disponde de 432.000 euros para a elaboración dunha auditoría enerxética xa realizada, instalación dun sistema de apagado e aceso automático de distintas áreas dos edificios municipais, en base ao horario de atención ao público e de traballo; instalación de sistema térmico edificios municipais; xestión da temperatura dos edificios a partir do calendario e temperatura ambiente, e renovación da iluminación pública e substitución de luminarias por outras de baixo consumo.

A última liña de actuación deste obxectivo temático é a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio. Para iso disponse de 1.824.000 co obxectivo de redactar os proxectos de creación de dúas zonas verdes; para a creación dunha zona verde no centro do casco de Milladoiro, que permita pivotar sobre ela unha zona de vertebración do núcleo urbano; un concurso de ideas para a redacción do proxecto; eliminación de barreiras (mellora da accesibilidade); redacción do proxecto de creación dunha améndoa central e execución do proxecto para dotar unha améndoa central que vertebre o núcleo urbano de Bertamiráns, peonalizando rúas e favorecendo a creación dun espazo cidadán entre a Casa Consistorial, o Pazo da Peregrina e o parque do Ameneiral.

No obxectivo temático 9 recóllese a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza, así como calquera forma de discriminación. Este programa recolle catro grandes liñas de actuación: creación dun centro multifuncional de ocio cultura e promoción económica, para que se van a destinar 1.200.000 euros; programa piloto de unidades habitacionais de interese social (destinaranse 96.000 euros para a construción dunha vivenda social); programa de dinamización e modernización comercial e de emprendemento (neste caso vanse destinar 216.000 euros para accións de asesoramento e dinamización comercial, así como para poñer en marcha accións formativas e de promoción do comercio); programa Ames Emprega e Integra (empregaranse 216.000 euros para o deseño de programas de inserción de diferentes colectivos).

Licitacións prevista para 2018
Durante este exercicio vanse poñer en marcha varios expedientes divididos por liñas de actuación. Así, preténdese abordar a tramitación dun total de 23 expedientes, algúns deles xa finalizado, como a realización de dúas auditorías para coñecer e planificar os investimentos futuros; a auditoría enerxética sobre edificios públicos municipais tanto para alumeado como sistemas de calefacción e frío, e a auditoría da e-administración e e-servizos para a posta en marcha dos novos procedementos relacionados coa Administración electrónica; a implantación de procedementos da E-Administración (tarxeta Cidadá) e a posta en marcha dun sistema municipal de Apps para móbil centrados nos ámbitos de turismo, comercio local e nun futuro transporte municipal; elaboración do Plan de mobilidade; a elaboración de estudos previos para construír os sendeiros escolares; apagado e acendido automático de distintas áreas dos edificios municipais, en base ao horario de atención ao público e de traballo; a creación dunha zona verde no centro do casco do Milladoiro; a elaboración do proxecto de construción dun “Centro xoven”; accións de dinamización comercial, de ocio e tempo libre, culturais; o deseño do programa de inserción de diferentes colectivos; etc. Todas estas actuacións suman un importe de 1.474.252 euros.

Contido relacionado:

La Voz de Galicia: "Ames tramita los proyectos del Centro Xove de Milladoiro y 3 sendas escolares"
Compostela 24 horas: "Ames métese de cheo no proceso participativo do programa "Impulsa Ames""

Imaxe da xornada de participación cidadá

Multimedia

  • Imaxe da xornada de participación cidadá