Solapas principales

A información do Orzamento 2022 pódese consultar no portal da Transparencia da web municipal

Miércoles, 04 de mayo de 2022

O Pleno do Concello de Ames, na sesión extraordinaria celebrada o 9 de marzo de 2022, aprobou de xeito inicial o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2022. Ao non presentarse alegacións quedou aprobado con carácter definitivo o 7 de abril de 2022, trala publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. O orzamento municipal de 2022 ascende á cifra de 28.707.012 euros, continuando un ano máis co compromiso no investimento e desenvolvemento de programas municipais, así como co reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados pola Administración local. O expediente completo coa información orzamentaria de 2022 xa pode ser consultada no Portal da Transparencia da web municipal no apartado de Información Orzamentaria.

Trátase dun orzamento no que se aposta polos servizos básicos que segue a ser á area de maior gasto con 6.335.568,54 euros (22,07%), seguida de educación con 5.242.367,79 euros (18,26%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros (9%). Estas tres áreas supoñen o 49,33% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “dende que entrou en vigor a aprobación definitiva do Orzamento de 2022, xa se pode consultar no Portal da Transparencia do Concello de Ames. Na web municipal no apartado de Información Orzamentaria pódense consultar toda a información completa dos orzamentos desde o 2017 ata 2022. Deste xeito, trátase de achegarlle á veciñanza a información orzamentaria que é pública e debe estar aberta para que todas aquelas persoas que o desexen a poidan consultar”. Ademais, pódese complementar e ampliar a información orzamentaria, accedendo no apartado de Transparencia á pestana de Orzamentos abertos, que inclúe ademais información sobre a execución de ditos orzamentos, gastos e ingresos por áreas de gasto, pagos a provedores, etc.

Toda a documentación do expediente de Orzamentos 2022 xa se pode consultar no Portal da Transparencia da web municipal. Deste xeito, pódense consultar as bases de execución, os anexos de investimentos, beneficios fiscais, convenios en materia social, informe sobre a débeda, os informes de estabilidade orzamentaria e económico – financeiro, o resumo de ingresos e gastos, a memoria de Alcaldía, os anexos de persoal, a liquidación de 2020 e mailo avance da liquidación do exercicio 2021, e a proposta de aprobación, entre outra documentación.

Áreas de maior gasto
No orzamento de 2022 séguese a darlle prioridade a área de servizos básicos nos que se recollen novas actuacións e investimentos en rede de sumidoiros e abastecemento. Tamén se recolle o novo contrato de limpeza viaria con ampliación de zonas e frecuencias e coa posta en marcha do punto limpo móbil. Ademais, inclúese novas licitacións dos contratos de xardinería e para o mantemento de parques e xardíns, así como a continuidade do plan de mantemento do rural e o remate das actuacións de cambio de luminarias a led en todo o rural. Esta área contará cun crédito total de 6.335.568,54 euros mantendo a mesma porcentaxe de representación que no Orzamento 2021, porcentaxe que representa un 22,07% do total do orzamento e continúa sendo a primeira área en importancia.

Ademais, continuase a reforzar e blindar os servizos da área de Educación. Nos dous últimos anos debido á pandemia da covid e á adecuación aos protocolos, houbo un notable incremento no gasto desta área. Deste xeito, refórzase e amplíanse os servizos de conciliación e porase en marcha a licitación do contrato de mantemento de centros educativos entre outras actuacións. Esta área contará cun crédito total asignado de 5.242.367,79 euros, no que tamén se mantén a mesma porcentaxe de representación que no exercicio pasado 2021, porcentaxe que representa un 18,26% do total do orzamento e segue a ser a segunda área en importancia.

Os servizos sociais e de promoción social son a terceira área en importancia do orzamento cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros, incrementando respecto do 2021 a súa porcentaxe de representación dentro do orzamento e acadando preto do 9% do total. Continuase a priorizar e protexer esta área co reforzo na contratación de persoal para a tramitación da Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con melloras no servizo e ampliación de horas, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, a apertura dun novo local para maiores en Bertamiráns, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como o reforzo do novo servizo de atención temperá, etc.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Acercan vía web todo el contenido del presupuesto al entrar en vigor"

O orzamento municipal de 2022 ascende á cifra de 28.707.012 euros