Solapas principales

A II edición da Festa do Apego foi todo un éxito

Miércoles, 23 de junio de 2021

O tempo obrigou a trasladar toda a programación ao interior da Casa da Cultura de Bertamiráns pero nin a choiva nin a pandemia foron quen de deslucir a II Festa do Apego. O evento organizado polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames contou con danza, música, teatro, xogos, moito galego e, sobre todo, moito apego.

A II edición da Festa do Apego pechou a programación de primavera do programa Apego. Ao longo da xornada preto de 700 persoas pasaron pola Casa da Cultura de Bertamiráns para pasar unha xornada de lecer divertida e produtiva.

A Concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quixo agradecer a participación de todas as familias que fixeron posible e tan bonito esta segunda edición da Festa do Apego. Segundo a concelleira pais, nais e crianzas desbordaron a Casa da Cultura de apego, alegría, emoción, esperanza e amor polo nosos.

A festa comezou ás 11.00 horas co espectáculo Derriba da lúa, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. O espectáculo combinou narración oral con música para arrolar, cantar e xogar dende os primeiros meses.

Ás 12.00 horas foi a quenda de As Armadanzas. Montse Rivera e Mercedes Prieto, ambas as dúas integrantes do grupo Pesdelán, fixeron bailar a todos os asistentes.

E para coller folgos unha sesión de contos da man de Vero Rilo. Outra vez!, é unha escolma de contos de aquí e de alá para contar sen parar na festa, na casa ou no parque.

Pablo Díaz e Olga Kirk abriron a sesión da tarde ás 17.00 horas co seu espectáculo Canta música, un obradoiro concerto que mestura música tradicional coas cancións máis modernas dos discos de Pablo Díaz.

Ás 19 chegou o teatro co Baúl da tía Tola e a función teatral Estrazalonia. O espectáculo estimulou os sentidos a través das emocións, das sensacións, da sorpresa e da ilusión.

A II Festa do Apego rematou por todo o alto con dous pases de Uxía Lambona e a Banda Molona. A banda fixo vibrar a Casa da Cultura de Bertamiráns coa súa reinterpretación do “Esto báilase así” ou a “Rianskeira”, ademais de temas propios como “De festa” ou “Muxía and Roll”.

Ademais, ao longo de toda a xornada, as familias puideron achegarse a unha ampla mostra de materias e recursos para facilitar a crianza en galego. Materiais que se poden descargar dende o espazo imprimibles da páxina web www.apego.gal.  

Os cativos puideron gozar, tamén, dunha gran variedade de xogos de mesa en galego creados por Brazolinda.

O programa Apego volverá facer as delicias das crianzas amienses a partir do mes de agosto.

Programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, e que contribúe á socialización en galego das crianzas con actividades en recursos. O programa ofrece información, recursos (virtuais e físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos e para sumarse ao programa teñen que poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística Municipal, ben cubrindo a lapela SÚMATE da páxina web www.apego.gal ou enviado un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

"El Correo Gallego": "Setecientos padres e hijos presumieron de Apego a la educación en lengua gallega"

II Festa do Apego

Multimedia

  • II Festa do Apego
  • II Festa do Apego
  • II Festa do Apego
  • II Festa do Apego
  • II Festa do Apego
  • II Festa do Apego
  • II Festa do Apego