Solapas principales

Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo

Miércoles, 25 de febrero de 2026

Ibuprofeno Teatro estrea en Ames a súa nova produción Bio Construción, un texto de Santiago Cortegoso para dous actores e unha violonchelista no que a compañía segue explorando o teatro absurdo. As funcións serán o venres 27 e o sábado 28 de febreiro ás 20:30 hora na Casa da Cultura do Milladoiro. A creación artística desta peza teatral realizouse no Milladoiro a través do programa municipal de residencias artísticas. O Concello de Ames conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a realización da programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano 2026.

Despois da posta en escena de Reconversión, unha montaxe de gran formato sobre loita sindical naval na Ría de Vigo, que vén de acadar tres candidaturas aos Premios Max nas categoría de Mellor Espectáculo, Mellor Autor e Mellor Elenco, Ibuprofeno Teatro explora en Bio Construción o absurdo a través dunha proposta cunha forte carga plástica na que volven a mesturar a realidade e a ensoñación, a acción e a poesía. Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen e interpretan esta peza que emprega a metáfora para falar da existencia na sociedade capitalista contemporánea. Acompáñaos en escena a violonchelista Macarena Montesinos, autora do espazo sonoro da montaxe.

A obra, a través dun humor absurdo, preséntanos dous personaxes inocentes e loitadores, un pouco heroes e un pouco fracasados que viven nun fráxil equilibrio entre a procura da felicidade e a frustración. Esta parella decide deixar o teatro, traballo ao que se dedicaran ata agora, para marchar a un lugar remoto e emprender o seu proxecto máis ambicioso: construír unha casa coas súas propias mans. E así transcorren trinta anos.

Completan o equipo Marcos PTT na asistencia de dirección, Gloria Punzano como auxiliar de dirección, a través dun convenio asinado coa ESAD de Galicia, Jose Perozo no deseño e realización do espazo escénico, Laura Vidales no deseño de vestiario, Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación, Armando Martén no movemento escénico e Baia Fernández na caracterización.

A montaxe conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través das Axudas á Creación da Axencia Galega das Industrias Culturais e co apoio do Concello de Ames e do Concello de Catoira que acollen á compañía a través de residencias técnicas. Despois a peza poderá verse en Cangas, Soutomaior, Vigo ou Lugo.

Un espazo escénico e sonoro en continua transformación
Na obra a transformación do espazo, do escultor e escenógrafo Jose Perozo, é clave. A través del viaxamos dende un espazo baleiro ata outro recargado, froito da acción dos personaxes ao longo do tempo. A música, de Macarena Montesinos, apoia tamén esta idea como un elemento vivo que se transforma en cada escena. O espazo sonoro non é unha narrativa pechada, pola contra pretende abrir un diálogo co público a través de distintas capas, repeticións e silencios que conviden á reflexión.

En Bio Construción, Ibuprofeno Teatro, explora a plasticidade a través dun traballo de creación próximo á artesanía na elaboración do espazo escénico e do vestiario, para o que Jose Perozo e Laura Vidales xogan coa hibridación de materiais e texturas. En canto ao traballo actoral a proposta aproxímase ao clown e á relación cos obxectos, a través da mirada de Marcos PTT, asistente de dirección. A caracterización de Baia Fernández, o traballo corporal de Armando Martén e o deseño de Iluminación de Carlos Álvarez-Ossorio apoian a idea de paso do tempo que atravesa toda a proposta.

A compañía
Bio Construción é o duodécimo espectáculo de Ibuprofeno Teatro, compañía fundada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso no 2010 para explorar a través das artes escénicas os temas que afectan ao ser humano contemporáneo a través do humor e do absurdo.

Levan a cabo espectáculos de autor para público adulto, ben a partir de textos creados previamente como Reconversión, Raclette ou Casa O Rei ou ben integrando a dramaturxia no proceso de creación como Deadpan Karaoke, O mel non caduca ou A filla de Woody Allen, espectáculo fundacional da compañía. O seu traballo foi recoñecido con diversos galardóns, entre eles o Premio do Público na MIT de Ribadavia ou os Premios María Casares en distintas categorías. 

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ibuprofeno Teatro estrea «Bio construción» en Ames"

Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo

Multimedia

  • Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo
  • Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo
  • Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo
  • Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo
  • Ibuprofeno Teatro estrea en Ames Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo