Solapas principales

Helena Segura-Torrella expón a súa obra no Pazo da Peregrina

Miércoles, 04 de mayo de 2011

[04-05-2011] O Pazo da Peregrina acolle entre o día 2 e o 10 de maio a exposición fotográfica "Innocence", de Helena Segura-Torrella. A exposición mostra un total de 16 fotografías de gran formato onde a artista fala de sentimentos e presentimentos infantís: o despertar e o camiño cara a madurez; o medo, o corpo, a sensualidade e a sexualidade. Segundo a propia autora a mostra está composta de instantes eternos que supoñen un regreso á infancia a través da imaxinación, o que nos permite ver de novo a realidade a través dos ollos dun neno. A exposición está organizada pola Deputación da Coruña e recorrerá un total de dez concellos da provincia. A mostra permanecerá exposta en Ames durante nove días.

A mostra, patrocinada pola Deputación da Coruña, recolle dezaseis fotografías de gran formato que, segundo a autora, "está composta de instantes eternos" que supoñen un regreso á infancia a través da imaxinación, "o que nos permite ver de novo a realidade a través dos ollos dun neno". As instantáneas evocan a infancia e o universo imaxinario dos contos infantís, a inocencia á que alude o título desta mostra, a través do obxectivo da fotógrafa Helena Segura-Torrella.

A autora, pese á súa xuventude, conta cun extenso currículo e xa dispón dun nome relevante no eido da fotografía. A mostra, para a que a entidade provincial editou un catálogo, percorrerá dez municipios da provincia co obxectivo de achegar a cultura a todos os concellos, para que a igualdade de oportunidades non sexa só unha palabra, senón unha realidade.

A autora da mostra agarda que os visitantes "se sintan por un momento como esa nena que aparece nas fotografías e que en boa medida reflicte o que son eu, porque é un traballo autobiográfico".

Helena Segura-Torrella (Ferrol, 1969) conta, a pesar da súa mocidade, cunha dilatada traxectoria profesional ás súas costas e cunha excelente formación no campo da imaxe, sobre a que asenta a súa experiencia creativa. A súa participación no espazo "Descubrimentos de Photoespaña" con outro ensaio fotográfico caracterizado pola súa orixinalidade e fantasía, titulado "A través do espello", serviulle para darse a coñecer a nivel nacional e para ser recoñecida como unha das artistas emerxentes de Galicia no ámbito da fotografía.

Helena Segura gañou tamén o premio "Isaac Díaz Pardo" da Deputación da Coruña cunha fotografía titulada "Sopa de Caracol", incluída na exposición que está exposta no Pazo da Peregrina, e foi finalista da "London Shots Young Photographer" en 2009. Con esta exposición o Concello de Ames, a través da mostra organizada pola Deputación da Coruña, pretende contribuír a dar a coñecer a obra desta fotógrafa galega e seguir apoiando os novos artistas da nosa provincia que traballan no ámbito da imaxe.