Solapas principales

A gañadora da campaña “Ilumina o teu sorriso” recibiu hoxe o seu premio na clínica dental Lindo Dente

Viernes, 24 de enero de 2020

Ana Freire Mato, gañadora da campaña “Ilumina o teu sorriso”, recibiu hoxe o seu móbil de última xeración na clínica dental Lindo Dente de Bertamiráns. Organizada polas asociacións de comerciantes e empresarios, en colaboración co Concello de Ames, este concurso de fotografía tiña por obxectivo a promoción do comercio local, a través da realización de catro fotografías en diferentes lugares de Bertamiráns e do Milladoiro.

Ana Freire Mato, que participaba co número 04, é a gañadora do teléfono móbil Galaxy Note 10 doado pola Clínica Dental Lindo Dente. Óscar Montes, representante da clínica, foi o encargado de premer o botón que iniciaba o sorteo electrónico do premio entre os 33 participantes. Hoxe, foi el mesmo quen lle outorgou o premio a Ana, natural de Brión, ás portas da clínica dental.

Na entrega do premio tamén estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o axente de desenvolvemento local do Concello de Ames, Jorge Couñago, o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, a técnica da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Salomé Blanco, a representante da Xuntanza de Empresarios de Ames, Bea López e persoal da clínica dental Lindo Dente.

A campaña “Ilumina o teu sorriso”, está organizada polas asociacións de comerciantes e empresarios Palmira Bulebar, a Asociación de Pequenos Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames.

Proximamente está previsto realizar unha exposición con 10 paneis con fotografías   participantes nas casas da cultura de Bertamiráns e Milladoiro, con datas aínda por confirmar.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, afirma que "o departamento de Promoción Económica está moi contento coa participación neste concurso que vai a continuar en vindeiros anos e que ao mesmo tempo sirva de medio de difusión das campañas que se desenvolvan para favorecer o tecido empresarial de Ames.

A campaña Ilumina o teu sorriso

O obxectivo desta campaña era fomentar e dinamizar o comercio local, tratando que a veciñanza de Bertamiráns se desprazase ao Milladoiro e viceversa, fomentando as actividades de Nadal na rúa ao tempo que se mercaba nos establecementos comercias amesáns.

Para participar no concurso había que sacar unha foto en catro lugares do concello: na árbore de Nadal que se encontraba na praza do Concello, no motivo luminoso co número 2020 que estaba na praza da Maía; nas pérgolas iluminadas que estaban na praza de Manuel Murguía e na bola xigante que estaba situada na praza da Madalena do Milladoiro.

Nas fotos podían saír as persoas participantes no concurso xunto aos elementos decorativos de Nadal ou tan só os elementos decorativos. Todas as fotos enviadas foron colgadas na canle de Instagram @amesnarua co hashtag #iluminaoteusorriso19. Esta conta de Instagram, xa conta con 150 seguidores e vai funcionar como medio de difusión das campañas que se desenvolven ou nas que participe o departamento de Promoción Económica do Concello de Ames.

Gañadora da campaña Ilumina o teu sorriso

Multimedia

  • Gañadora da campaña Ilumina o teu sorriso
  • Ames na rúa