Solapas principales

Finaliza o obradoiro “En Galego co teu acento” que se desenvolveu en Bertamiráns e no Milladoiro

Sábado, 21 de diciembre de 2019

O obradoiro de lingua e cultura, “En Galego co teu acento”, pon fin a esta edición despois de desenvolverse durante o mes de outubro en Bertamiráns e durante o mes de novembro no Milladoiro. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, pretendeuse que os/as participantes adquirisen nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración.

Os departamentos de Normalización Lingüística e de Benestar Social do Concello de Ames uníronse para levar a cabo esta nova edición de “En galego co teu acento”, no que este ano participaron 30 persoas. Unha actividade de balde, que consistiu nunha formación de 30 horas dirixida a todos os veciños e veciñas que chegan de Ames procedentes de fóra de Galicia, e que finalizou coa obtención dun título acreditativo.

Desta maneira, durante o mes de novembro o obradoiro tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Alí,10 participantes conversaron, leron, compartiron información e coñeceron un pouco máis a lingua e a cultura de Galicia e, máis concretamente, a do Concello de Ames. Alén duns contidos teóricos básicos, desenvolveuse moito traballo en equipo que fixo que as persoas participantes se achegaran ao galego dun xeito práctico e lúdico. En canto ás nacionalidades dos participantes, contou coa presenza de xente de Colombia, Italia e Venezuela.

Ademais, durante o mes de outubro realizouse este mesmo obradoiro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao igual que no Milladoiro, os 20 participantes do obradoiro de Bertamiráns tamén conversaron, leron, compartiron información e coñeceron un pouco máis a lingua e a cultura galega e de Ames.  Este obradoiro contou coa presenza de moita xente de Venezuela, así como do Brasil, Ponferrada, León e Asturias. Os dous cursos foron impartidos polo persoal do departamento municipal de Normalización Lingüística.

Os obradoiros “En galego, co teu acento” de achegamento á lingua e á cultura galegas desenvólvense en Ames desde hai xa 15 anos e, ademais de serviren de toma de contacto co país ao que se chega, funcionan como un espazo de socialización, acollemento e convivencia. Pretenden asemade poñer en valor a diversidade e a multiculturalidade que agocha este concello, que na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, deulle as grazas “ a todas as persoas que participan destes obradoiros, polo interese que mostraron na cultura e lingua galega, que xa están facendo súa. E grazas tamén a Berta Souto, que foi a encargada de impartir o obradoiro”.

En galego co teu acento

Multimedia

  • En galego co teu acento
  • En galego co teu acento
  • En galego co teu acento