- Tematica
Coches a pedais para o desfrute da rapazada, obradoiros de pintado de camisetas, teatro nos escaparates a cargo de Chévere, un concerto de música tradicional co “Trío Caldo”, pasarrúas cos Retranqueiros, actuacións dos dúos “Zeus RB e Diego Barbazán” e “Diego Moreira e Néstor Peña” son as actividades das que esta fin de semana poderán gozar os veciños e veciñas de Ames. Todas as propostas encádranse na programación de AmesON, un proxecto que nace coa intención de promover os sectores culturais e económicos de Ames e que está encadrado no Plan Reactiva Ames. Cómpre salientar que moitos e moitas das artistas son veciños e veciñas de Ames. Ao abeiro das propostas, o sábado, aqueles establecementos que cumpran coa normativa en materia laboral e de horarios, poderán abrir até as doce da noite.
Preto de setenta actividades desenvolveranse en Ames ao longo do verán a través de AmesON. A xeira de actividades comezou onte cun concerto de Xoan Curiel: “Danzamos no verán!” e a presentación do fotopoemario “Os exilios que somos” do escritor e profesor Xabier Ron e a xornalista Irene Tomé. A actividade continúa esta fin de semana con concertos, pasarrúas, teatro, atraccións de rúa e obradoiros.
Concilia co comercio
As actividades comezan hoxe no Milladoiro cun obradoiro que leva por título “Crea a túa camiseta”. O taller, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro entre as 11:00 e as 14:00, está dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos. Nuria Ruibal, directora da Escola de Debuxo e Pintura “Lápices”, imparte esta actividade que se repetirá o sábado, tamén entre as 11:00 e as 14:00 na Casa da Cultura de Bertamiráns é a encargada de impartilo.
Este obradoiro no que a rapazada pode confeccionar ao seu gusto unha camiseta, forma parte do conxunto de actividades “Concilia co comercio” que leva a cabo a concellaría de Promoción Económica, dentro do proxecto AmesON para facilitar ás familias de Ames o feito de poder facer compras no comercio local, mentres os seus nenos e nenas participan de actividades divertidas nun marco de coidados seguros. Os papás e as mamás poden deixar aos seus fillos en fillas no obradoiro entre media hora e tres horas.
Teatro nos escaparates
Unha das actividades máis agradadas desta fin de semana en Ames será a protagonizada polo grupo de teatro Chévere que converterá os escaparates de nove establecementos de Ames en escenarios teatrais. A Compañía, que posúe entre outros o Premo Nacional de Teatro, comezará as súas actuacións no Milladoiro ás 19.30h no comercio Patagonia, coa peza: Cambio de tempada; ás 19:45h estarán Comercio CAREVA, coa peza: Corcheiro&Percheiro; ás 20:00 , otra vez en Patagonia, interpretarán: Cambio de tempada; ás 20.15h en CAREVA, outra vez: Corcheiro&Percheiro; ás 20.30h en Comercio MAYZU poderase ver o recital lírico: Os Tres tenores; ás 20.45h, o escaparate de CAREVA acollerá Corcheiro&Percheiro e ás 21.00h en MAYZU poderanse volver a ver “Os tres tenores”.
EscapÁrate!, que é como Chévere denomina a estas postas en escena nos escaparates, continúa o sábado en Bertamiráns, en sesións de mañá e de tarde. La Lola será o primeiro comercio que acolla a proposta, farao ás 12.30h coa peza: Pernas; ás 12.45 horas A Tenda De Fráber acollerá: Corcheiro&Percheiro; ás 13.00h, de novo en La Lola, Chévere poñerá en escena: Pernas; ás 13.15h na Tenda De Fráber poderá volverse a ver: Corcheiro&Percheiro; ás 13.30h en Queens poderemos ver: Telesaúde; ás 13.45h, outra vez na Trenda de Fráber: Corcheiro&Percheiro.
Pola tarde, ás 21.00h Queens acolle: Telesaúde; ás 21.30h Comercio T3: Cambio de tempada; ás 21.45h Queens acolle Telesaúde; ás 22.00h Comercio: José Saenz: Os tres tenores; ás 22.15h Comercio T3: Cambio de tempada ás 22.30h no escaparate de Queens poderemos ver: Telesaúde; ás 22.45h Comercio T3: Cambio de tempada e ás 23.00h en José Saenz poderemos ver: Os tres Tenores.
Ademais durante todo o día poderá contemplarse a videoinstalación “Mira aquí” en Nani’s Kids. Cadra que, ao abeiro destas actuacións, os establecementos comerciais de Ames poderán ampliar os seus horarios de peche até ás doce da noite, sempre e cando cumpran a normativa de horarios e condicións laborais.
Pasarrúas cos Retranqueiros e coches a pedais
O grupo de música e baile tradicional, Os Retranqueiros, radicado no Milladoiro ofrecen este venres un pasarrúas que sairá ás 21:00 do edificio Santiago Sur e percorrerá a localidade até chegar á rúa Viorneira.
O sábado a rapazada poderá gozar da atracción de coches a pedais. No Milladoiro estarán entre as 12:00 e as 14:00 horas na praza de Manuel Murguía e en Bertamiráns na rúa Ameneiral entre as 18:00 e as 20:00 horas.
Música para as noites
Tres concertos amenizarán cada unha das noites da fin de semana en Ames. A Praza da Madalena do Milladoiro acolle hoxe venres, 17 de xullo, ás 22:00 horas, a actuación de Zeus RB e Diego Barbazán. Diego e Zeus coñécense desde que tocaran xuntos na orquestra New York. Na actualidade Diego é cantante e guitarra da mesma orquestra e participa na “Liga dos cantantes” da TVG. Zeus forma parte do elenco da orquestra Fania Blanco Show. A actuación enmárcase no programa Música na noite. O concerto forma parte da xeira de actuacións de "Música na noite".
O sábado será o trío de música tradicional “Caldo” quen amenice a noite na praza da Maía. Actuarás ás 22:00 horas. O evento encádrase dentro da programación da concellaría de Cultura e forma parte das actividades organizadas no municipio a través do patrocinio da Rede Cultural da Deputación de A Coruña. O concerto é de balde. No caso de que chova, o concerto trasladarase á Casa da Cultura de Bertamiráns.
O domingo será a praza de Manuel Murguía no Milladoiro quen acolla a actuación de Diego Moreira e Néstor Peña, cantantes das orquestras París de Noia e Olimpus respectivamente. Bachata, merengue, pezas bailables e algún acústico compoñen o repertorio que Diego e Néstor preparan para o Milladoiro. O concerto forma parte tamén da xeira de actuacións de "Música na noite".
Cómpre salientar que, por mor das actuais medidas de seguridade, o aforo nas actuacións será limitado. Será obrigatorio o uso de máscara e o respecto das distancias de seguridade.