Solapas principales

Fabaloba e Uxía Lambona estarán na Tarde con Apego do xoves 9 de xullo no Pazo da Peregrina

Miércoles, 01 de julio de 2020

A Concellaría de Normalización Lingüística, retoma a súa programación presencial cunha Tarde con Apego, na que Ruth Caramés, de Fabaloba, ás 17.30 horas, realizará unha sesión de Contos con Apego, na que contará os contos: Había unha vez un virus. Ademais, a partir das 19.00 horas, Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerá un concerto para os máis pequenos. Ambas as dúas actividades serán no Pazo da Peregrina. Para participar haberá que enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal do 1 ao 8 de xullo. As familias interesadas en participar deben darse présa en apuntarse, xa que debido ás medidas de seguridade pola Covid-19 o aforo é reducido. 

Para darlle a benvida a este verán especial dende a Concellaría de Normalización Lingüística prepararon unha Tarde con Apego, que se desenvolverá o vindeiro xoves, 9 de xullo, no xardín do Pazo da Peregrina. Esta actividade enmárcase dentro do programa Apego. Durante a tarde os nenos e nenas, xunto coas súas familias, poderán gozar de contos e de música ao aire libre, con aforo limitado e con todas as medidas de seguridade necesarias.

Deste xeito, ás 17.30 horas, desenvolverase unha sesión de Contos con Apego. Ruth Caramés, de Fabaloba, contará os contos: Había unha vez un virus. Esta actividades realizarase no xardín de atrás, á sombra das árbores e con espazo delimitado para cada familia. Esta actividade está recomendada para familias con crianzas de 0 a 6 anos. As historias que se contarán  axudan a comprender momentos vitais coma este no que nos atopamos e son unha moi boa ferramenta para ás familias, tanto como entretemento como recurso educativo que axuda a superar unha situación crítica.

Dende o coñecemento dos virus ata o funcionamento do propio corpo, pasando polas diferentes emocións que van xurdindo ou a reflexión sobre o que realmente é importante na vida serán algúns dos temas das historias (editadas, tradicionais ou por inventar) que se vaian presentando no obradoiro, canda ideas e recomendacións para facer da hora do conto un momento fermoso para toda a familia.

Concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona
De seguido, a partir das 19.00 horas, chegará Uxía Lambona e a Banda Molona para ofrecer un concerto para todos os nenos e nenas. Este espectáculo será no patio do Pazo da Peregrina, con aforo limitado e con cadeiras para todas as persoas asistentes. Esta é unha das bandas galegas máis coñecidas entre a rapazada.

Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro… e por outros moitos temas tradicionais e algún que outro tema propio, pasando polo ska, o reggae, o klezmer, a cumbia, e o tango. Todos eles moi dinámicos, facendo que todos os nenos/as presentes sexan partícipes deste “des-concerto”, cheo de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

É imprescindible a inscrición previa
Para garantir a seguridade sanitaria é imprescindible a inscrición previa e respectar as indicacións do persoal da organización. Para elo hai que enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal do 1 ao 8 de xullo. En dito correo electrónico é necesario especificar a actividade (ou as dúas actividades) na que se desexa participar, nome e apelidos das persoas que se inscriben, idade das crianzas e un número de teléfono das crianzas. As familias interesadas en participar deben darse présa en apuntarse, xa que debido ás medidas de seguridade pola Covid-19 o aforo é reducido.

Cartel Tarde con apego

Multimedia

  • Cartel da Tarde con Apego
  • Cartel coas normas de seguridade polo coronavirus