- Tematica
A festa final do AmesON de verán 2022 foi todo un éxito. Foron catro horas de espectáculo nas que primeiro actuaron as gañadoras do concurso Canta con Ames (Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey) e a continuación a orquestra Panorama ofreceu un gran espectáculo de tres horas de duración como peche do programa AmesON. Dende a organización contabilizaron que máis de 9.000 persoas asistiron onte no Milladoiro ao concerto da Panorama. O programa AmesOn de verán estivo composto por 13 actuacións musicais dirixidas a adultos e nenos/as. O alcalde adiantou que a orquestra Panorama volverá actuar en Ames o vindeiro ano dentro da programación do Ames en Festas 2023.
Esta fin de semana rematou o programa AmesON de verán 2022, que incluíu 13 actuacións musicais en prazas e parques de Bertamiráns e do Milladoiro. Para despedir o verán a localidade do Milladoiro acolleu a actuación da orquestra Panorama no aparcamento da rúa Agro do Medio, ao carón do Supercor. A organización contabilizou que máis de 9.000 persoas pasaron onte polo Milladoiro para ver o espectáculo da orquestra Panorama.
O concerto comezou coa actuación das gañadoras da segunda edición do concurso Canta con Ames, que se realizou durante os meses de xullo e agosto no Milladoiro e Bertamiráns. Nesta edición participaron un total de 25 persoas. Este ano as gañadoras foron Adriana Vigo, na categoría infantil; María Iglesias, na categoría xuvenil; Montse Angueira, na categoría sénior; e José Rey, na categoría súper sénior. Un dos premios foi poder actuar de abreconcertos no concerto da orquestra Panorama.
Deste xeito, José Rey interpretou os temas Un beso y una flor e El rey. Montse Angueira cantou Y no me importa nada e Amarte por mil años. María Iglesias interpretou Easy on me e Proud Mary. Por último, Adriana Vigo cantou os temas Soy aquella niña de la escuela e Terra. O evento estivo presentado pola xornalista, Loli Gómez, que tamén foi a encargada de presentar as diferentes fases do Canta con Ames.
O concerto foi gravado pola empresa Mirabelle, do Milladoiro, que se encargou de organizar o concurso Canta con Ames. A gravación de dita actuación forma parte dos premios que reciben as gañadoras do concurso xa que se lle entregará un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso e de dita actuación.
Por outra banda, as comisións de festas de Bertamiráns e do Milladoiro, en colaboración con XEA, dispuxeron dunha cantina compartida para recadar fondos para organizar o programa do Ames en Festa de 2023. Esta iniciativa foi éxito, xa que se esgotaron todas as existencias que tiñan, polo que se mostraron moi satisfeitos polos fondos recadados.
O alcalde de Ames, Blas Garcia, destacou “a fantástica tarde e noite que pasamos coa Panorama no Milladoiro coa que puxemos fin ao verán en Ames. Agora toca empezar a traballar para ter un Nadal cargado de actividades e animación. Este foi un verán distinto, no que traballamos para que a veciñanza de Ames puidese desfrutar da rúa, e axudar aos comercios e negocios locais. Esta noite calculamos que algo máis de 9.000 persoas estiveron escoitando e bailando coa Panorama e as finalistas do Canta Con Ames o que é un gran éxito e nos fai seguir traballando para tratar de que este programa teña continuidade”. Ademais, o alcalde adiantou que a orquestra Panorama volverá actuar en Ames o vindeiro ano dentro da programación do Ames en Festas 2023.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “o obxectivo do programa AmesON, posto en marcha por terceiro ano consecutivo, foi amenizar as nosas rúas e axudar, na medidas do posible, ao comercio local e á hostalaría coas actuacións programadas durante os meses de xuño, xullo, agosto e coa actuación final da orquestra Panorama en setembro”.
Tamén quixo agradecer o traballo das empresas amesás que organizaron o programa AmesON de verán e mailo concurso Canta con Ames: Cunde, produtora Mirabelle, Froq eventos e La Farruca producións. Agradeceu tamén a Victor Hugo, veciño de Cee, por volver a desprazarse a Ames para inmortalizar con fotos as actuacións de onte, e ás dúas empresas do concello (Lovely By Isabelle e Badala studio) que lle cederon vestiario a Susana López, Noelia Bellas e Inés Suárez, para a final do concurso Canta con Ames, e a Loli Gómez para presentar o concerto de onte no Milladoiro. Por último, deulle as gracias ao persoal de Protección civil e da Policía local.
AmesON de verán 2022
O programa AmesON de verán 2022 incluíu actuacións do grupo Club Naval; Eva & Camilo; Ruth Cundíns; Habana Café Son; MJ Pérez; Cé Orquestra Pantasma: Marifaltri; Jinetes del Trópico; Tinta; As Maianas; Pili Pampín; e maila orquestra Panorama. A actuación do coro Son Elas non puido realizarse porque estaba incluída na festa de San Xoán, organizada por XEA, que tivo que suspenderse por motivos climatolóxicos. Esta actuación será incluída na programación do AmesON de Nadal.
Os concertos realizáronse no parque do Ameneiral e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Esta iniciativa estivo organizada pola Concellaría de Promoción Económica para dinamizar o sector comercial durante o verán.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Máis de 9.000 persoas seguiron a gala da Panorama e a dos catro reiseñores"
La Voz de Galicia: "Fin de fiesta multitudinario con Canta con Ames y la Panorama"
Enfoques: "Éxito total del final del AmesON con la Panorama y los ganadores de Canta con Ames"