Solapas principales

Este venres volven á Ponte Maceira as Noites en Vela coas actuacións das Pandereteiras de Costaneira e de Tres Pesos

Martes, 22 de agosto de 2023

Os Concellos de Ames e Negreira únense un ano máis para organizar unha nova edición do programa Noites en Vela, que terá lugar este venres, 25 de agosto, a partir das 20:30 horas. A programación inclúe as actuacións dos grupos Pandereteiras de Costaneira (ás 20:30 horas) e de Tres Pesos (ás 21:00 horas). O escenario será, novamente, a Ponte Maceira, lugar declarado ben de interese cultural (BIC). Ao remate dos concertos haberá fogos de artificio. 

Este venres, día 25, volve á Ponte Maceira o programa Noites en Vela. Trátase dunha velada de música e cultura que nace da colaboración entre os Concellos de Ames e Negreira, e que ten como obxectivo poñer en valor a paraxe paisaxística e monumental da zona, declarada ben de interese cultural (BIC) e localización que forma parte dos pobos máis bonitos de España.

Nesta ocasión, amenizarán a noite as Pandereteiras de Costaneira e Tres Pesos. As Pandereteiras de Costaneira, que abrirán a súa actuación ás 20:30 horas, son un grupo tradicional procedente da parroquia de Bugallido.

Pola súa banda, Tres Pesos é unha banda conformada por Felisa Segade, Xoan Porto e Pepe de Calo. As tres voces, vinculadas a decenas de proxectos culturais como son Malveiras, Colexiata, Leilía, Brincadeira... fusionan a música e o folklore tradicional cun toque actual. Actuarán ás 21:00 horas. Ao remate da velada haberá fogos de artificio.

A actividade é de balde. Para coñecer máis información pódese contactar co Concello de Ames escribindo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal ou co de Negreira, escribindo a cultura.deportes@concellodenegreira.es.

Cartaz das Noites en Vela 2023

Multimedia

  • Cartaz das Noites en Vela 2023