A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 5 de abril, a representación do espectáculo de gran formato “Arlequina”. Durante sesenta minutos, a curiosa Arlequina emprenderá unha intensa viaxe co obxectivo de atopar a súa identidade, sempre acompañada polo estrafalario monicrequeiro Marchelino. A obra, que vai destinada a un público familiar a partir de catro anos, comeza ás 18.00h. As entradas para acudir como público están dispoñibles na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames.
O equipo de Os Monicreques de Kukas, a compañía de marionetas máis antiga de Galicia, celebra neste 2019 os seus corenta anos enriba dos escenarios. Para conmemorar esta data, a compañía estreou o pasado 28 de marzo a súa nova peza “Arlequina”, que este venres 5 de abril chega á Casa da Cultura do Milladoiro. Durante a representación, os espectadores poderán seguir da man desta marioneta as moitas aventuras que sairán ao seu paso durante a gran viaxe que a fara descubrirse a si mesma.
Sen embargo, esta peza no é unha obra máis de monicreques, xa que está concibida como un gran espectáculo no que se combinan traballo de actor, pantomima, animación de monicreques, maxia e música en directo. Así, Arlequina convertese na peza elixida para que todos os coñecementos e técnicas pulidas durante as catro décadas de traxectoria desta compañía conflúan nunha soa obra. Todo elo co obxectivo de contarnos a misteriosa e trepidante aventura que emprende a curiosa marioneta Arlequina á procura da súa propia identidade, para o que contará coa axuda de Marchelino, un vello e estrafalario artista e titiriteiro.
A obra está dirixida por Isabel Rei e Marcelino de Santiago (Kukas), que tamén é o seu creador. A interpretación corre a cargo dos intérpretes Jorge Casas, Isabel García, Borxa Insua, Marcelino de Santiago, Larraitz Urruzola, Ero Vázquez; que estarán acompañados pola música de Joan Ibáñez, Benjamín Iglesias, Álex Salgueiro, Antonio Suárez, David Villa. A escenografía e o deseño están a cargo de Kukas, mentres que o deseño de iluminación queda en mans de Miguel Cabaleiro. Zoar Ensemble encarganse da música e o deseño.
As entradas para asistir a este espectáculo xa están dispoñibles a través da Billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de 4 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.