Solapas principales

Este venres, 6 de setembro, inaugúrase no Milladoiro a exposición fotográfica "Ames Coopera"

Miércoles, 04 de septiembre de 2019

Este venres, 6 de setembro, ás 17:00 horas, realizarase a inauguración da exposición fotográfica “Ames Coopera”, que recolle diferentes fotografías das viaxes de cooperación realizadas por tres traballadores/as do Concello de Ames; Leonardo Pena, Sonia Moure e Alberto Viaño, a través das cales nos achegan as súas vivencias en Guatemala e Cabo Verde. Esta mostra estará na Casa da Cultura do Milladoiro dende o 6 ata o 15 de setembro, e do 18 ao 30 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os centros escolares que o soliciten tamén poderán contar con esta exposición nas súas instalacións.

A exposición fotográfica “Ames Coopera”, que recolle o traballo de cooperación feito polo Concello de Ames en diversos países, é unha pequena homenaxe á figura do cooperante. As fotografías desta mostra son unha mirada dende  a cámara de Leo, Sonia e Alberto, traballadores e traballadoras do Concello, que nos achegan as súas vivencias en Guatemala e Cabo Verde;  que nos transmite  a súa experiencia,  incrible e inesquecible,  amosándonos a dureza de condicións nas que aínda viven millóns de persoas no mundo, deixándonos sentir as súas ganas de vivir.

Leonardo Pena, Sonia Moure e Alberto Viaño son algúns dos homes e mulleres que deixan os seus países de orixe, ou que usan as súas vacacións, non para facer turismo, senón para traballar na construción dun mundo mellor tendo como referencia os Obxectivos de Desenrolo Sostible: erradicación da pobreza, protección do planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas. As súas fotografías descúbrenos lugares únicos no mundo, permitíndonos imaxinar o que os levou a esa viaxe e danos unha nova visión que pon fin a “cooperación” para dar paso a unha relación entre iguais.

Experiencias de cooperación
Cómpre lembrar que o técnico de mediadición intercultural, Leonardo Pena, estivo nos anos 2005 e 2006 no municipio de San Carlos Alzatate, de Guatemala, onde o Concello de Ames financiou con 9.000 euros a rehabilitación dunha céntrica rúa na cidade guatemalteca. Os traballos executados supuxeron unha mellora significativa nas infraestruturas da zona, nas que as choivas torrenciais dificultaban enormemente as comunicacións entre os núcleos de poboación.

Posteriormente, en 2016 a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, estivo no arquipélago de Cabo Verde, para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Alí apoiou o impulso ao turismo comunitario da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, tarefa que a levou a visitar varias illas.

Ademais, en 2018 o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio naceu despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.

Cartel da exposición fotográfica "Ames Coopera"

Multimedia

  • Cartel da exposición fotográfica "Ames Coopera"