Solapas principales

Este venres, 2 de outubro, celebrarase un pleno extraordinario sobre o novo aparcamento do Milladoiro

Miércoles, 30 de septiembre de 2026

Este venres, 2 de outubro de 2026, ás 9.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario solicitado polos grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e de Espazo Común no que se debaterá sobre o novo aparcamento do Milladoiro que está situado na rúa Pardiñeiros. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O salón de plenos da Casa do Concello acollerá este venres, 2 de outubro, ás 9.30 horas, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre o novo aparcamento do Milladoiro, que está situado entre as rúas da Curuxa e Pardiñeiros. Esta sesión plenaria foi solicitada polos grupos municipais do BNG e de Espazo Común. 

O pasado 11 de setembro de 2026, os concelleiros/as do grupo municipal do BNG e a concelleira do grupo municipal ESCO solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario, para solicitar unha explicación sobre a situación actual de dito aparcadoiro, que segundo se indica na solicitude do pleno, foi anunciado polo alcalde e do que a oposición non recibiu ningunha información desde o pleno ordinario de decembro de 2024. 

Neste pleno ordinario de decembro de 2024 aprobouse o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. Este tema foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. Abstivéronse os/as concelleiros/as do BNG e votou en contra a concelleira de Espazo Común. 

Segundo se explicou en dito pleno este aparcamento ten o obxectivo de dar resposta a actual necesidade de aparcamento que existe no Milladoiro. Tamén se acordou nese momento a creación dunha Comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico.

Imaxe de arquivo do salón de plenos