Solapas principales

Este venres 1 de abril abre o prazo de preinscrición nas escolas infantís municipais de Ames

Jueves, 31 de marzo de 2022

A Concellaría de Educación informa da apertura do prazo de preinscrición para o curso 2022-2023 nas escolas infantís de titularidade municipal (EIM O Bosque de Bertamiráns e EIM A Madalena do Milladoiro), dende este venres 1 ata o 19 de abril, ambos incluídos. Unha vez adxudicadas as prazas, abrirase o prazo de formalización de matrícula entre os días 1 e 15 de xuño. Previamente, publicaranse as listas provisionais de admitidos e admitidas na páxina web municipal, na web conciliames.gal, e nas propias escolas infantís. A documentación a presentar poderá descargarse preferentemente na páxina web conciliames.gal, a partir das 00.00h deste venres 1 de abril, ou ben recollerse nas dependencias de cada unha das escolas.

Dende este venres 1 de abril poden solicitar a súa praza nas escolas infantís municipais de Ames as nenas e nenos que teñan entre tres meses e tres anos. A documentación que hai que cubrir e presentar para tramitar esta solicitude poderá descargarse na páxina web conciliames.gal, dende as 00.00h deste venres 1 de abril, ou ben recollerse nas propias dependencias das escolas, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Este ano debido aos festivos de Semana Santa e que o luns 18 é festivo local no concello de Ames, amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 19 de abril (incluído).

Unha vez cuberta a documentación, poderá entregarse por medio da Sede electrónica do Concello de Ames, ou de xeito presencial nas propias escolas, tamén en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para calquera trámite deste tipo será preciso solicitar cita previa chamando aos números de teléfono 981 538 433, no caso da EIM A Madalena (O Milladoiro), ou o 682 497 369, no caso da EIM O Bosque (Bertamiráns).

Por mor da situación epidemiolóxica actual, cumprirase estritamente o horario de cada cita. Estas serán individuais, e as persoas asistentes non poden ir acompañadas en ningún caso. Á escola haberá que acudir provisto de máscara e gardaranse as distancias de seguridade. Antes de iniciar a cita, esperarase fóra das dependencias, ata que o persoal da escola lle facilite a entrada a cada persoa. Será necesario levar toda a documentación cuberta.

Ao rematar o prazo de preinscrición, publicaranse na páxina web municipal, na web conciliames.gal, e nas escolas infantís as listas provisionais de admitidas. Haberá un prazo para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre os días 1 e 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque, situada no número 28 da avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena, situada no número 16 da praza da Madalena, no Milladoiro.

Tamén se pode chamar aos números de teléfono 682 497 369 (EIM O Bosque) e 981 538 433 (EIM A Madalena), ou utilizar os enderezos electrónicos eibertamirans@concellodeames.gal e eiamadalena@concellodeames.gal.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Abre a preinscrición nas escolas infantís municipais para o curso 2022-2023"

Este venres 1 de abril abre o prazo de preinscrición nas escolas infantís municipais de Ames